A Xunta asegura que a denuncia de Renfe polos paróns é unha ocorrencia máis de Puente
Pídenlle que se centre en acabar cos problemas do tráfico ferroviario e que cumpra as demandas de Galicia
A posible demanda a Galicia e a Castela e León que anunciou Óscar Puente pola parada dos trens debido aos incendios interprétase desde o Goberno galego como unha ocorrencia máis do ministro de Transportes.
Óscar Puente facía o anuncio o pasado mércores no Congreso: Non é de recibo, dixo, que Renfe e Adif teñan que perder tres millóns de euros.
O anuncio da demanda é "unha ocorrencia máis de Óscar Puente", asegurou o conselleiro de Presidencia, Diego Calvo. Pediulle que atenda os problemas que sofren os galegos co tráfico ferroviario e que cumpra as demandas de Galicia.
Dende o PSdG aseguran que este asunto debe analizarse en profundidade, e dende o BNG Ana Pontón di que xa bastante sufriu Galicia cos lumes para que agora haxa que facer fronte a sancións do Estado.
O Partido Popular mantén que igual debe ser Galicia a que reclame responsabilidades ao ministerio de Óscar Puente.