Máis de 6.000 persoas perden a casa en Gaza mentres Israel recrúa o asedio da cidade
Calcúlase que unhas 280.000 persoas xa abandonaron a cidade cara ao sur baixo a ameaza de invasión militar
Gaza rexistra 144 mortes por fame en tres semanas, dúas delas nas últimas horas

O exército israelí incrementou os seus ataques contra a cidade de Gaza nas últimas horas, sobre todo contra vivendas, deixando sen teito máis de 6.000 persoas que agora se verán obrigadas a fuxir ao sur do enclave, informan o portavoz da Defensa Civil e fontes locais a EFE.
"A ocupación (Israel) advertiu (de bombardeos) contra algúns edificios, pero atacou outras vivendas que non estaban ameazadas, o que provocou varias mortes e feridos. Más de 6.000 cidadáns quedaron sen fogar tras o ataque ás súas vivendas", detallou nun comunicado o portavoz dos equipos de rescate gazatíes, Mahmud Basal.
EFE presenciou tamén este domingo unha gran fumareda tras a detonación de oito robots cargados de explosivos detrás da facultade universitaria de Ciencias Aplicadas en Tel al Hawa, acompañados dun intenso bombardeo de artillería contra as zonas sur e oeste, densamente poboadas.
"Esta escalada provocou que moitos residentes se preparen para unha nova vaga de desprazamentos cara ao sur", engadiu Basel.
Desde hai días, milleiros de familias palestinas, con todas as súas pertenzas, están a se desprazar pola estrada Al Rashid cara ao sur.
Segundo unha estimación castrense, unhas 280.000 persoas abandonaron xa a cidade de Gaza, baixo asedio e ameaza de invasión militar, rumbo a Al Mawasi, onde a xente xa vive amoreada en campamentos insalubres e con pouca auga, sempre baixo os bombardeos xudeus.

Máis de 400 mortes por desnutrición
O ministerio de Sanidade de Gaza rexistrou o falecemento de dous mozos por desnutrición, co que xa son 144 as persoas mortas por esta causa, entre elas 30 menores, desde que o 22 de agosto un informe avalado pola ONU declarara a situación de fame negra no norte da Franxa.
O venres, faleceron dous nenos por fame de 2 e 5 anos de idade e dende outubro de 2023, contabilizáronse 422 vítimas mortais da fame, 145 delas nenos e nenas.
O informe Clasificación Integrada da Seguridade Alimentaria (CIF), publicado en agosto, conclúen que 1,6 millóns de gazatís sofren fame, unha terceira parte de xeito crítico, ao padecer dunha privación extrema de alimentos, e o resto da poboación está en situación de "crise alimentaria".
Israel non permite a entrada masiva de axuda humanitaria mediante camións da ONU desde fai máis de seis meses -alegando sen probas que Hamas se beneficia das subministracións-.
A finais de maio, estableceu un sistema de repartición de alimentos a través duns complexos militarizados, a maioría no sur do enclave, obrigando á poboación a desprazarse ata eles.
Case a diario, as tropas israelís abren fogo preto destes puntos ou xunto aos camións de axuda que entran na Franxa, co obxectivo de dispersar as miles de persoas que acoden en busca de comida.
Segundo o ministerio gazatí, uns 2.480 palestinos foron asasinados na contorna ou preto dos postos de control militares por onde pasan os escasos camións que Israel si deixa entrar.