O PPdeG mantería a maioría absoluta de se celebraren eleccións en Galicia
Os populares e o BNG perderían un escano e o PSdeG gañaría dous, segundo unha enquisa publicada por La Voz de Galicia
O Partido Popular volvería gañar hoxe as eleccións galegas por maioría absoluta, segundo o barómetro de Sondaxe que publica este domingo La Voz de Galicia, feito entre o 17 e o 25 de setembro, logo da vaga de incendios que arrasou Galicia.
Os populares ceden, con todo, dous puntos en estimación de voto e un deputado, malia que se situarían, con 39 escanos, aínda un por riba dos 38 que outorgan a maioría absoluta.
Tamén perde un representante o BNG, con 24 escanos, aínda que tería máis estimación de voto que nas eleccións autonómicas do ano pasado.
Ao PSdeG ocórrelle xusto o contrario: baixa máis de medio punto en estimación de voto, pero tería dous escanos máis, ao pasar de nove a once.
Isto responde a que os socialistas galegos perden apoios nas provincias atlánticas, pero medran nas outras dúas: fanse cun escano do PP en Ourense, e cun do BNG en Lugo.
Democracia Orensana conserva o seu escano, mentres que, fóra do arco parlamentario, Vox aumenta a súa base electoral en máis dun punto, pero cun 3,6% segue lonxe do 5% que abre as portas do Parlamento.
Sumar tamén sobe lixeiramente (catro décimas) ata o 2,3%, pero igualmente lonxe da barreira do 5%. O PP e o BNG apenas perden partidarios respecto ás eleccións galegas do ano pasado, presentan ambas as formacións unha fidelidade de voto superior ao 80%.
No caso do PSdeG, só o 66% volverían depositar a papeleta a favor dos socialistas, cun 12,5% de indecisos, o valor máis alto. As principais fugas son cara ao BNG (11,4 %) e o PP (5,7%).
Os nacionalistas pasarían a ser a primeira alternativa entre os menores de 44 anos, mentres que o PP sería hexemónico en franxas de idade superiores. A enquisa do instituto Sondaxe realizouse mediante entrevistas telefónicas e en liña a 1.223 persoas.