Publicador de contidos

Publicador de contidos

As sete cidades galegas manterían os alcaldes actuais de se celebraren eleccións

As sete cidades galegas manterían os alcaldes actuais de se celebraren eleccións

Segundo a enquisa elaborada por Sondaxe e publicada este domingo por La Voz de Galicia, os rexedores revalidarían mandato

G24.gal 25/05/2025 13:46

As sete cidades galegas, Vigo, A Coruña, Lugo, Santiago de Compostela, Pontevedra, Ourense e Ferrol, continuarían cos seus alcaldes actuais de se celebraren agora as eleccións municipais, segundo a enquisa elaborada por Sondaxe e publicada este domingo por La Voz de Galicia.

Nos próximos comicios municipais, que se celebrarán en maio de 2027, os socialistas revalidarían mandato en Lugo, A Coruña e Vigo. 

Abel Caballero en Vigo

Na cidade olívica o PSOE obtería un 58,7 % dos votos, o que lle concedería 18 edís -uno menos ca no 2023-. Con todo, a maioría absoluta do alcalde, Abel Caballero, non se vería afectada.

Pola súa banda, o PP manteríase como segunda forza política e o BNG tería catro concelleiros, fronte aos tres actuais.

Inés Rey na Coruña

Na Coruña, o PSOE perdería un concelleiro que cedería ao BNG, cunha suba de 3,3 puntos en estimación de voto con respecto aos anteriores comicios. Nese contexto, os socialistas, -que gobernan en minoría- para manter o bastón de mando necesitarían os nacionalistas.

Pola súa banda, os populares medrarían en estimación de voto e situaríase no 39,7 %, pero manterían os seus 12 concelleiros.

Goretti Sanmartín en Santiago

En Santiago, o BNG sobe en intención de voto e obtería un concelleiro máis -pasaría de seis a sete-, que arrebataría ao PSOE. É a cidade onde máis baixan os socialistas, 3,8 puntos, un escenario marcado pola crise derivada da expulsión de catro concelleiros.

Na capital galega, o BNG sería a forza que máis medra e o PP, liderado por Borja Verea, aínda que sobe en intención de voto, mantería os mesmos concelleiros (11).

Miguel Fernández Méndez en Lugo

En Lugo, o actual bipartito PSOE-BNG podería seguir gobernando. Os socialistas perderían un concelleiro que recollerían os nacionalistas que soben 3,2 puntos con respecto aos anteriores comicios, sendo o partido cun maior aumento.

Pola súa banda, os populares só soben unha décima en estimación de voto e manterían os seus 12 concelleiros.

Fernández Lores en Pontevedra

En Pontevedra, a situación manteríase igual que nas municipais de 2023. O actual alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, que xa anunciou que encabezará as listas do BNG, repetiría o mesmo resultado -9 concelleiros e subiría un 1,3 en intención de voto-.

Pola súa banda, os socialistas manterían os seus cinco edís e os populares serían o partido que máis sobe en apoios (2,1 puntos con respecto a 2023), pero tería os mesmos edís (11).

Rey Varela en Ferrol

Polo que respecta a Ferrol, os populares, con José Manuel Rey Varela á fronte, manterían a súa maioría absoluta, cunha suba de 2,3 puntos en intención de voto.

Todo iso, nun contexto no que o PSOE gañaría un concelleiro, pasando de sete a oito, que arrebataría a Ferrol en Común (que quedaría cun edil) e o BNG seguiría cos seus tres concelleiros.

Jácome en Ourense

En Ourense, Democracia Ourensá, o partido do actual alcalde, Gonzalo Pérez Jácome, sería o máis votado. Mantería os seus 10 concelleiros pero baixaría en estimación de voto -pasando do 33,7 %, ao 32,2 %-.

Na cidade das Burgas, a situación sería moi similar á dos últimos comicios municipais, cun único cambio: os socialistas perderían un concelleiro que gañaría o BNG.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade