Publicador de contidos

Publicador de contidos

A Xunta aproba a regulación da Mesa de Diálogo Social á que vai levar o plan para reducir o absentismo

A Xunta aproba a regulación da Mesa de Diálogo Social á que vai levar o plan para reducir o absentismo

O Consello da Xunta aprobou o dectero que establece a composición e funcionamento deste organismo, do que forman parte a Xunta, a patronal e os sindicatos

G24.gal 20/04/2026 11:05 Última actualización 20/04/2026 14:58

O Consello da Xunta aprobou este luns un decreto que institucionaliza e regula o diálogo social por primeira vez en Galicia.

Segundo explicou Alfonso Rueda, o decreto establece a composición, organización e funcionamento da Mesa de Diálogo Social da que forman parte a propia Xunta, a patronal e os sindicatos.

Con todo, a CIG xa se desmarcou e rexeitou formar parte deste instrumento, que cualificou como "pantomima que os exclúe", no que a patronal "sempre gaña" e o Executivo busca "branquear" as súas políticas.

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, dixo que "é a primeira vez que se aproba" un decreto destas caracterísitcas.

Segundo detallou o conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, a normativa vai permitir a actualización das mesas que compoñen o Diálogo Social, e supón "dar un paso máis para consolidar esta ferramenta clave na negociación colectiva, buscando abordar retos estratéxicos".

Entre as funcións, alén de actuar como "instrumento de diálogo" en busca de acordos, o decreto contempla a realización de estudos e informes.

O diálogo social terá unha presidencia honorífica e o pleno, que asume a aprobación da memoria anual, entre outras cuestións, terá "forza" como órgano supremo de decisión e formación da vontade da mesa. Haberá, así mesmo, comisións delegadas, mesas sectoriais e intersectoriais.

Unha das cuestións que preve analizar é o plan integral para reducir o impacto das baixas laborais no tecido produtivo galego, que anunciou o presidente da Xunta no pasado debate sobre o estado da autonomía.

"Ver cales son as causas e as consecuencias das baixas laborais e buscar levar a este espazo de negociación colectiva un plan integral de medidas para reducir o impacto do absentismo", resaltou José González.

"Teño que dicir que aquí non só hai competencias da comunidade autónoma, hai competencias estatais, pero tamén os sindicatos e os empresarios teñen que ofrecer as súas propostas", afirmou. A ministra de Traballo, Yolanda Díaz, xa ameazou con recorrer o devandito plan se hai invasión competencial.

González asegurou que, "partindo do máximo respecto aos dereitos das persoas traballadoras", o que busca a Xunta é "reducir baixas que sexan evitables pola mellora do benestar laboral nas empresas, a mellora tamén, por suposto, da prevención das rochas laborais, evitar prolongacións innecesarias, que tamén permite reducir o impacto do absentismo, buscando melloras tamén nos procesos de xestión e control no ámbito de competencias da comunidade autónoma, e, por suposto, loitar contra posibles abusos".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade