Publicador de contidos

Publicador de contidos

Un surtidor de Ribadeo deu gasóleo en vez de gasolina durante cinco horas

Un surtidor de Ribadeo deu gasóleo en vez de gasolina durante cinco horas

A gasolineira puxo unha páxina á disposición dos donos dos vehículos afectados, que poderían ascender a medio cento

Surtidores da gasolineira afectada
Félix Aragunde 29/06/2026 13:58

Durante máis de cinco horas, entre a unha e as cinco da tarde do sábado, un surtidor dunha gasolineira das aforas de Ribadeo deu gasóleo no canto de gasolina 95. Segundo a empresa afectada, un erro no abastacemento que reciben foi a causa do acontecido.

Aínda que se poden producir avarías no motor, sinalan que o normal é que os vehículos paren e que sexa preciso limpar o depósito. Os problemas adoitan ser máis graves no caso das motos, e xusto ese día había unha concentración moteira.

"Houbo varios afectados. Por sorte, a gasolineira axiña avisou e atendeu a xente. É dicir, que está encarrilada a reparación dos danos", sinala Pedro Peláez, membro do Motoclub Al Corte. 

"A fin de semana foi de tolos. Chamaron xa o domingo á mañá, e debemos de recoller, só nosoutros, sobre oito motos e dous coches", afirma Armando Rodríguez, xerente do taller Porta Norte de Ribadeo. 

Ademais de pedir desculpas polas molestias, dende a gasolineira ribandese asumen toda a responsabilidade das avarías xeradas. A tal efecto, lémbranlle á clientela que debe darlle parte ao seguro e cubrir un formulario ou chamalos directamente.

"O que fixemos foi habilitar unha páxina para que metan os seus datos aí rapidamente e podermos contestarlles de forma moito máis áxil, en lugar de por teléfono. Se poden, que accedan a incidencias.gasoleosabelleira.com", explica César López Abelleira, xerente da gasolineira. 

"Hai moitos casos. É certo que o período de tempo no que se deu a incidencia é relativamente curto, pero estamos no verán, hai moitos vehículos que pasan polas gasolineiras e é certo que hai moitas incidencias. Váiselles dar resposta a todas. Púxose á súa disposición todos os servizos do seguro da gasolineira. Polo tanto, esperar a que pasen os prazos e que se resolva canto antes", engade Jesús Pérez Prada, xerente da asociación de empresarios ACISA de Ribadeo. 

"Xa marcharon algúns no guindastre e xa se puxeron en contacto coa gasolineira. En principio, a avaría que teñan, que esperemos que non sexa moita", conclúe Pedro Peláez. 

No caso de carecer do tícket de pagamento, dende a gasolineira indican que non supón problema ningún, posto que poden identificar todos os vehículos a través das cámaras. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade