Publicador de contidos

Publicador de contidos

Bárcenas confirma que encargou a un preso borrar audios relacionados con Rajoy

Bárcenas confirma que encargou a un preso borrar audios relacionados con Rajoy

O extesoureiro do PP recoñece que non deu creto cando soubo que o estaban espiando: "Parecíame de película"

Bárcenas declarou como testemuña no xuízo que se segue na Audiencia Nacional contra a cúpula do Ministerio do Interior do primeiro Gobierno de Rajoy

Luis Bárcenas á súa chegada á Audiencia Nacional (Alberto Ortega/Europa Press)
G24.gal 20/04/2026 12:15

O extesoureiro do PP Luis Bárcenas confirmou na Audiencia Nacional que, cando estaba en prisión preventiva en 2013, encargou a un preso de Soto del Real borrar audios "relacionados" con "M. R." que tiña nunha nube durante un permiso penitenciario. Segundo dixo, estas siglas respondían ao expresidente do Goberno Mariano Rajoy, un episodio que agora forma parte do xuízo do caso Kitchen.

Durante a súa declaración como testemuña explicou que deu a ese recluso as claves de acceso da nube para que borrase o material. Fíxoo nunha nota manuscrita que recoñeceu como propia en que dicía: "Álex, hai que destruír todos os audios de M. R. cando eu che dea a orde, non debe quedar nada, é o meu compromiso, fai o favor de ir recuperándoos. Un abrazo".

Segundo o fiscal, o exministro do Interior Jorge Fernández Díaz, o seu segundo, Francisco Martínez, e a cúpula da Policía, todos eles acusados neste xuízo, coñecían este encargo e "controlaron todos os movementos do interno" desde que contactou con Bárcenas.

Con todo, "non consta" que chegasen a facer con copia destes arquivos nin que o preso chegase a "completar a encomenda" porque foi detido durante o permiso no que debía facelo.

A sorpresa de Bárcenas tras saber que o espiaban

Luis Bárcenas relatou na súa declaración como testemuña no xuízo do caso Kitchen que cando un xornalista Esteban Urreiztieta de El Mundo faloulle en 2015 dunha operación sen autorización xudicial para espiarlle, e el non lle creu. 

"Cóntame que había unha operación policial para espiarnos e tal e a min paréceme de película, non o creo. Nunca puiden pensar que supostamente persoas ás que eu supoñía que eran serias e puidesen organizar unha operación destas características", afirmou Bárcenas, ante as preguntas do fiscal acerca do encontro que mantivo con este xornalista.

O extesoureiro do PP relatou que nun primeiro encontro o xornalista ensinoulle unha nota manuscrita supostamente pola súa muller, Rosalía Iglesias, e fotos, unha na que aparecía o chofer e presunto confidente da trama, Sergio Ríos. Nunha segunda reunión deulle "datos adicionais" que fixeron confirmar a Bárcenas que o que o xornalista lle estaba ensinando era "real".

Bárcenas declarou este luns como testemuña na sétima xornada do xuízo que se segue na Audiencia Nacional contra a cúpula do Ministerio do Interior do primeiro Goberno de Mariano Rajoy por presuntamente orquestrar entre 2013 e 2015 unha operación parapolicial para espiarlle e subtraerlle documentación comprometedora para o PP tras o estalido do caso Gürtel e cando se investigaba tamén unha caixa B do partido.

Bárcenas di que a operación Kitchen "empeza" no PP co borrado de discos duros

Bárcenas declarou na Audiencia Nacional que a denominada operación Kitchen pola que foi presuntamente espiado "iníciase na sede do PP co borrado dos discos duros dos computadores".

"Eu sei que esta operación iníciase polos responsables do partido ese momento e logo ten un traslado ao Ministerio do Interior, pero empeza no partido", aseverou.

Ao termo do interrogatorio da súa avogada, Bárcenas, que é acusación particular nesta causa, quixo facer unha serie de precisións sobre a "secuencia temporal" que sufriu naqueles anos, sobre todo cando entrou en prisión preventiva no verán de 2013. Dixo que había unha "clara intencionalidade" de facerlle a "vida imposible" e lembrou o "secuestro" da súa familia na súa casa por parte dun falso cura.

Tras o trato "deplorable" que sufriu en prisión preventiva, situación na que estivo ata 2015, dixo que anos despois, cando regresa ao cárcere en 2018  para cumprir condena polo caso Gürtel o tratamento que lle prestaron foi "exquisito".

Bárcenas conseguiu a liberdade condicionada en 2024 tras cumprir as tres cuartas partes dos 29 anos de prisión aos que foi condenado. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade