Publicador de contidos

Publicador de contidos

A moción de censura planea sobre o Concello de Lugo, coa edila que deixou o PSOE aberta a apoiala

A moción de censura planea sobre o Concello de Lugo, coa edila que deixou o PSOE aberta a apoiala

Fontes do Partido Popular recoñecen os contactos coa concelleira non adscrita María Reigosa e non desbotan ningún escenario

O voto da exsocialista é indispensable para que prospere a moción, xa que o PP iguala en doce edís a suma do Goberno bipartito

O PP defende que hai argumentos dabondo para a moción de censura, Besteiro táchaa de "corrupción política" e Pontón de "inmoral"

Arquivo TVG Arquivo TVG
G24.gal 20/04/2026 09:05 Última actualización 20/04/2026 13:02

A moción de censura que podería cambiar a cor do goberno do Concello de Lugo máis de 25 anos despois de que José López Orozco recuperara a alcaldía para o PSOE planea sobre o consistorio da cidade da muralla, con contactos entre os populares que encabeza Elena Candia e María Reigosa, a edila que deixou o PSOE.

Fontes populares consultadas por Europa Press evitan por agora dar por pechada unha moción de censura, pero non negan os contactos e trasladan que, ante a conxuntura que hai no Concello de Lugo e unha xestión que censuran, "non se pode descartar" ningún escenario.

Por pechada tampouco o dá a propia Reigosa, pero si cambiou de postura en relación a semanas atrás. Pasou de descartar a moción de censura a considerar que é "necesaria".

A concelleira non adscrita María Reigosa, que hai unhas semanas abandonou o grupo municipal do Partido Socialista e deixou o Goberno bipartito da cidade de Lugo sen maioría no pleno, asegurou en declaracións a EFE que aínda “non hai ningún acordo pechado” para presentar unha moción de censura na capital lucense.

“Non podo dicir se haberá ou non unha moción de censura”, asegurou María Reigosa, cuxo voto é indispensable para que poida prosperar, dado que o Partido Popular ten doce concelleiros na corporación local de Lugo, os mesmos que suman os dous socios do goberno bipartito, sete o Partido Socialista e cinco o BNG.

Aínda que non negou a existencia de contactos co Partido Popular, lembrou que ela publicamente se limitou a manifestar o seu “desacordo co funcionamento do Concello” e coa súa “situación” dentro do grupo municipal do Partido Socialista.

Reigosa: concelleira socialista, baixa como militante e edila non adscrita 

María Reigosa incorporouse como concelleira á corporación municipal de Lugo, dentro do grupo socialista, no mes de outubro, en substitución do falecido Pablo Permuy. Con todo, as desavinzas non tardaron en chegar.

En xaneiro, anunciou que solicitara a baixa como militante do Partido Socialista, pero nese momento Reigosa xa non estaba a desempeñar ningunha función executiva no goberno local, dado que en decembro renunciara á delegación de competencias de Zona Rural, ao considerar que non podía compatibilizala co seu traballo como enxeñeira de Costas.

Cando deixou o Partido Socialista, o alcalde de Lugo, Miguel Fernández, afirmou que Reigosa seguía sendo membro do grupo municipal “para todos os efectos”, a pesar da súa condición de independente, “participando nas reunións, nos debates e con total normalidade”.

Con todo, a finais de marzo, formalizaba a súa saída do grupo municipal socialista e daba pé ás especulacións sobre unha posible moción de censura en Lugo. Fóra xa do partido apoiou os orzamentos no pleno pero deixou clara a súa intención de votar co PP tras apoiar varias mocións populares.

O PP podería chegar á alcaldía de Lugo

Se finalmente decide que si, o PP terá as firmas suficientes para impulsar un cambio de goberno liderado por Candia, cuxo grupo está integrado por 12 concelleiros -o bipartito de PSOE e BNG suman outros tantos (sete socialistas e cinco nacionalistas)-.

A firma de Reigosa é imprescindible nesta conxuntura e permitiría ao PP chegar á alcaldía dunha urbe, en mans do PSOE -en solitario ou en coalición co BNG- desde 1999. Candia converteríase na cuarta en ter o bastón de mando de Lugo nun convulso mandato local: precedéronlle a agora deputada Lara Méndez, Paula Alvarellos -quen faleceu tras sufrir un infarto-, e na actualidade o rexedor é Miguel Fernández.

O Partido Popular di que “hai argumentos dabondo” para a moción de censura en Lugo

O secretario xeral do Partido Popular de Lugo, Javier Vázquez Nodal, asegurou que existen “argumentos dabondo” para presentar unha moción de censura na capital lucense que lle arrebataría o Goberno local ao bipartito formado por socialistas e nacionalistas, alén de aclarar que os populares están, efectivamente, “preparados para tomar as rendas” do Concello.

En canto á posibilidade dun acordo coa edila non adscrita, María Reigosa, que hai unhas semanas deixou o grupo municipal socialista, Vázquez Nodal lembrou que “a moción de censura necesita dun mínimo de trece firmas” e o Partido Popular só “ten doce concelleiros”, de modo que “é necesario contar con algunha firma máis” e a desta concelleira “podería ser unha de elas”, dado que manifestou publicamente a súa desconformidade sobre como se estaban facendo as cousas no grupo municipal do Partido Socialista.

“Entendemos que o Goberno municipal non está á altura das circunstancias. Notamos unha parálise na nosa cidade que loxicamente nos leva a pensar que temos que tomar unha medida contundente. Unha desas medidas, loxicamente, pasaría pola presentación dunha moción de censura”, dixo Vázquez Nodal a EFE.

De feito, considera que é “preocupante a situación na que se atopa actualmente o Concello”. O grupo municipal do Partido Popular denunciaba hai uns meses que hai un total de 27 contratos que están caducados no Concello de Lugo, precisou, e “estamos a falar dunha mala xestión que é algo xeneralizado por parte deste equipo de goberno nos últimos anos”.

Besteiro tacha de "corrupción política" unha posible moción en Lugo "cunha tránsfuga"

O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, advertiu este luns de que se se consuma unha moción de censura en Lugo apoiada por "unha tránsfuga" sería un caso de "corrupción política".

"Se se produce, se se expón (a moción), non nacerá pensando nos intereses de Lugo, senón nos intereses do PP de chegar ao goberno sen pasar polas urnas e polo que un está disposto a facer, o PP e (Alfonso) Rueda para conseguilo", advertiu o líder dos socialistas galegos.

Na súa intervención, Gómez Besteiro insistiu en que esa posible moción apoiada nunha persoa á que tachou de "tránsfuga" sería un caso de "corrupción política".

Ademais, Gómez Besteiro chamou a atención sobre a particular situación do grupo socialista en Lugo, onde faleceron tres integrantes da corporación municipal no último ano, polo que acusou ao PP e a Rueda de "cruzar liñas que nunca debería cruzar" en caso de presentar a moción, xa que supoñería "aproveitar momentos especialmente tristes e dolorosos".

"Ao PP non lle saen as contas, nin nas urnas nin nas enquisas" e por iso promove acordos que, en opinión do líder do PSdeG, "traizoan a vontade" dos cidadáns de Lugo.

Pontón pide a Rueda que desautorice a posible moción de censura en Lugo por "inmoral"

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, pediu este luns ao presidente da Xunta e líder do PPdeGalicia, Alfonso Rueda, que desautorice unha posible moción de censura en Lugo por "inmoral e indecente politicamente".

"Ninguén entende, nin en Lugo nin no conxunto do país, que o Partido Popular queira aproveitarse da morte de dúas concelleiras e dunha tránsfuga do Partido Socialista para poder chegar a unha alcaldía nunha situación destas características", dixo durante unha visita a Noia.

Pontón defendeu que en política "non vale todo" e que o PP debe "respectar a vontade que saíu das urnas" nas últimas eleccións municipais en Lugo.

"É unha indecencia desde o punto de vista político e moral que o Partido Popular queira aproveitarse dunha situación como é o falecemento de persoas no Concello de Lugo para chegar á alcaldía intentando conseguir nos despachos, con acordos escuros, o que non conseguen nas urnas", insistiu.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade