O CIS mantén o PSOE 8,7 puntos por encima do PP, que sobe seis décimas
Segundo a enquisa, os socialistas obterían o 31,7 % dos votos e o PP, o 23 %
O 61,5 % dos españois cre que Trump puxo en perigo a paz mundial en Venezuela
Pedro Sánchez e Alberto Núñez Feijóo, na Moncloa. Arquivo (EFE/Sergio Pérez).
O PSOE mantén unha vantaxe de 8,7 puntos sobre o PP en estimación de voto no último barómetro do Centro de Investigacións Sociolóxicas (CIS) aínda que os populares recortan distancias ao subir seis décimas desde o estudo anterior.
Segundo a enquisa, con 4.006 entrevistas realizadas do 5 ao 10 de xaneiro, os socialistas manteríanse como a forza máis votada, co 31,7 % dos votos, gañando tres décimas respecto ao barómetro de decembro; séguelle o PP, cun apoio do 23 % e seis décimas máis.
Vox sobe unha décima e colócase co 17,7 por cento de apoio electoral, mentres que Sumar baixa seis décimas ata o 7,2 %. Tamén perde apoios Podemos, ao situarse co 3,5 % dos votos, seis décimas menos.
En canto aos partidos nacionalistas, a sondaxe do CIS dálle o mellor resultado a ERC, cun 2,6 %, seguido de EH Bildu, cun 1,5 %. Tanto Junts como o PNV situaríanse no 1 %.
O BNG obtería un 0,9 % dos votos segundo a estimación deste barómetro.
Ante a pregunta sobre a preferencia para presidir o Goberno, Pedro Sánchez é elixido para o 24,5 %, seguido de Santiago Abascal, 10,4 %, Alberto Núñez Feijóo, 9,7 %, e Gabriel Rufián, 4,2 %. Porén, ningún dos líderes aproba, sendo Sánchez o máis valorado, 4,13, seguido de Yolanda Díaz, 3,94, Núñez Feijóo, 3,54, e Abascal, 3,01.
Entre os ministros do Goberno o máis valorado é Carlos Cuerpo, o único que aproba, cun 5,27, e o peor valorado, Fernando Grande-Marlaska, cun 3,84.
Esta enquisa preguntou tamén pola intervención dos Estados Unidos en Venezuela, que o 50,3 % non a considera correcta, e o 61,5 % cre que Donald Trump con esta acción pon en perigo a paz mundial.
En canto aos problemas que máis preocupan os españois, a vivenda colócase en cabeza, sendo o primeiro problema para o 23,8 % dos cidadáns.
