Publicador de contidos

Publicador de contidos

José Trigueros:"A rede ferroviaria é segura pero non hai un correcto mantemento"

José Trigueros:"A rede ferroviaria é segura pero non hai un correcto mantemento"

O presidente da Asociación de Enxeñeiros de Camiños, Canais e Portos  afirma que a prórroga dos Presupostos Xerais de Estado afecta á dotación de recursos para o mantemento das vías

José Trigueros cre que se o sistema  ERTMS de freado automático estivera instalado en Adamuz o sinistro non se tería producido

José Trigueros, presidente da Asociación de Enxeñeiros de Camiños, Canais e Portos. Foto: Arquivo
G24.gal 25/01/2026 10:56

O presidente  da Asociación de Enxeñeiros de Camiños, Canais e Portos asegura que a rede  ferroviaria española é segura pero que falta mantemento.

"Eu diría que a rede ferroviaria do país é segura o que sucede é que non é unha rede de alta velocidade senón de velocidade alta. En absoluto hai un correcto mantemento. O problema é  a falta de mantemento e a dotación de recursos económicos para facelo"

Na entrevista dos domingos da Radio Galega, José Trigueros lembrou que o pasado verán denunciaron a falta de mantemento das vías por falta de recursos económicos, como xa fixeran anteriromente os maquinistas.

Un asunto, incidiu, no que inflúe, segundo a súa opinión, o feito de que os Presupostos Xerais do Estado estean prorrogados

"Por suposto que inflúe. Para dotar diñeiro ao mantemento da rede ferroviaria, se non temos Presupostos Xerais teremos que quitalo doutras partidas e non vexo que o ministro fixera recortes para incrementar os cartos destinados ao mantemento"

O presidente da Asociación de Enxeñeiros de Camiños, Canais e Portos explicou que no último ano se destinaron 470 millóns ao mantemento das vías ferroviarias, unha cifra que considera insuficiente.

"Son totalmente insuficientes. Nos países da nosa contorna, que teñen unha rede de menos lonxitude pero máis ocupación de trens por vía, o tope medio é de 140 mil a 200 mil euros por quilómetro. Para a Alta Velocidade Española necesitariamos un mínimo de 600 millóns ao ano".

José Trigueros reclamou transparencia sobre a redistribución das partidas destinadas a mantemento das infraestrutura ferroviarias.

"Gustaríame que nos dixeran como se reparte. Se metemos dentro a remodelación das estacións e non só o tema das vías estamos a engarnos un pouquiño. Gustaríame saber canto se esta a dedicar á conservación das vías, aos desvíos, ás catenarias, en fin, a tódolos elementos que  aseguran confort e seguridade na nosa rede ferroviaria. Dáme moita pena que para que se abra un debate sobre algo necesario teñamos que poñer enriba da mesa 45 mortos".

Treito de Adamuz

Tralas informacións xornalísticas que apuntan a que Adif renovou parcialmente a vía de Adamuz e soldou partes novas con treitos  de máis de 30 anos, José Trigueros  critica ó Goberno.

"O Goberno, neste caso o Ministerio, minte. No seu informe  fala do remprazo completo do carril e das travesas. Pilláronos porque as mentiras teñan os pés  moi curtos. Que mala sorte que xusto nese treito non o renovaran".

Con todo, o experto explica que  a antigüidade da vía "é  perfectamente compatible con trens que van a 200, a 250 e  a 300 quilómetros "  e sinala que se as locomotoras avaliadoras non detectaron  o problema nas inspeccións rutinarias  é porque  "ao mellor habería que pasalas máis veces".

José Trigueros, descartou un posible defecto   de fabricación, tal e como suxeriu o ministro de Transportes, "nunha vía que leva funcionando 20 anos".

"O ministro falou dun defecto de fabricación porque criu o seu propio informe e pensaba que a vía estaba totalmente renovada.

ERTMS 

O presidente da Asociación de Enxeñeiros de Camiños, Portos e Canais cre que se o treito de Adamuz contase co sistema de freado automático ERTMS o sinistro non se tería producido.

"Aquí hai outro interrogante. O accidente de Angrois foi  debido a que non  estaba implantado o ERTMS. En Adamuz  este sistema de seguridade  está previsto e xa tiña que estar instalado. Unha  rotura de carril detectaríaa inmediatamente  porque vai por radiofrecuencia e o tren  pararía. Volvemos ao mesmo, falta de mantemento e actualización das nosas vías"

Con respecto ás primeiras chamadas informando da emerxencia, José Trigueros  sinalou que o Centro de Regulación e Control de Renfe seguiu o protocolo correcto, "derivado de non ter ERTMS".

"Sabían que o tren estaba no mesmo circuito de vía pero non sabían o punto porque o sistema non o dá".

 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade