Publicador de contidos

Publicador de contidos

A Radio Galega renóvase: novas voces, máis deporte e un podcast cultural diario

A Radio Galega renóvase: novas voces, máis deporte e un podcast cultural diario

Roberto Carlos Carballo toma os mandos do ‘Galicia en Goles’

Fran Cañotas volve á radio con Antonio Mosquera para presentar ‘A penaltis’, un innovador programa de entretemento deportivo

O espazo ofrecerá máis de 17 horas de retransmisións cada fin de semana
G24.gal 27/08/2025 17:34 Última actualización 27/08/2025 20:15

A Radio Galega inicia o luns 1 de setembro a tempada 2025-2026 cunha dobre aposta estratéxica: a renovación do emblemático ‘Galicia en Goles’ e a estrea de ‘A penaltis’.

Ademais vai ampliar con novos formatos transversais os contidos culturais, incluíndo un novo podcast diario en AgalegaAudio.gal.

No eido deportivo, Roberto Carlos Carballo asume a dirección e presentación de ‘Galicia en Goles’, substituíndo a Xoán Galán, que pasa á coordinación de deportes da Corporación, tras 26 anos no micrófono.

O espazo ofrecerá máis de 17 horas de retransmisións cada fin de semana pola FM, e a través de AGalegaAudio.gal, con tempo para todo o deporte galego por terra, mar e aire.

Tamén como novidade deportiva, de luns a xoves, a partir das 22:00 horas, chega ‘A penaltis’, un programa conducido polos televisivos Fran Cañotas e Antonio Mosquera.

A Radio Galega volve apostar pola cultura como elemento central de conexión coa audiencia. Os contidos culturais estarán presentes a través do equipo do ‘Diario Cultural’ ao longo de toda a grella en programas como ‘Galicia por Diante’ ou ‘A Tarde’.

Amais diso, o ‘Diario Cultural’ amplía a súa presenza cunha edición nas fins de semana e cun podcast diario en AGalegaAudio.gal, conducido por Ana Romaní.

A proposta servirá de escaparate ás voces creativas e ás iniciativas máis innovadoras do país, coa análise de expertos como Carlos Crespo, que seguirá presentando os artistas emerxentes; Afonso Becerra, Mónica Maneiro, Tito Lesende, Malores Villanueva e Andrea Jamardo.

O ‘Galicia por Diante’ reforza a súa presenza multicanle, mantendo a emisión simultánea en Radio Galega e TVG no tramo de 07:00 a 08:00 h, conducido por Celia Rúa e Luís Ojea.

A parte informativa arrincará ás 06:00 h e prolongarase ata as 09:30 h, con novas voces para analizar a actualidade: Xulio Ferreiro, profesor na UDC e exalcalde da Coruña; Rafael Cuiña, exalcalde de Lalín; María Jamardo, xefa de Tribunais de ‘El Debate’; Adrián Dios, profesor de Economía da USC; Belén Teiga, xornalista de ‘El Correo Gallego’, e Manuel Varela, xornalista de ‘La Voz de Galicia’, sumaranse aos faladoiros do ‘Galicia por Diante’ e ‘A Crónica’.

Unha análise da actualidade que completarán día a día Paula Chouza, xornalista de ‘El País’; José Manuel Estévez Saá, profesor na UDC, e Elías Feijóo Torres, profesor de Filoloxía na USC, nas súas columnas de opinión.

Desde as 09:30 ata as 14:00 h, Kiko Novoa e Cristina García collen o testemuño para afondar na actualidade diaria, acompañados por colaboradores como Tonhito de Poi e os especialistas O Barroquista, Enfermera Saturada, DeborahCiencia, Pedro Feijoo e Martina González Veiga.

O humor continúa a ter un papel central da man de Leti da Taberna e do dúo Carla Núñez-Marcos López (Todo Mal), protagonistas de ‘A Bóla Extra’, o espazo máis imprevisible e falangueiro da mañá.

Ás 14:00 h, Xosé Valiñas e o equipo de Informativos presentan unha nova edición de ‘A Crónica’, seguida por ‘A Tarde’, con Antón Rebollido (16:00 h), acompañado por voces como Virtudes (A Repunante), Norberto Proupín, médico de atención primaria; Maximimo Pérez, experto en seguridade viaria; a agricultora youtuber Nuska Chousa; Rafael Quintiá, antropólogo, e as xornalistas Ana Gayoso, Inma Morandeira e Alejandra Tojo.

A información regresa ás 19:00 h con Silvia Pereira, cunha edición de ‘A Crónica’ que se prolongará ata as 22:00 h, cun especial foco na actualidade deportiva e con faladoiros plurais.

Ademais, de luns a xoves ás 21:00 h emitiranse os espazos temáticos sobre mar, viaxes, tecnoloxía e ciencia como ‘Mar de Ardora’, ‘Lambóns de Viaxe’, ‘Lambóns Dixitais’ e ‘Efervesciencia’.

Logo dos deportes, desde a media noite ata a unha da mañá, Rubén Riós ponse aos mandos de ‘Seres’, un programa de autor, onde as historias máis humanas se converten en sons radiofónicos.

Tras ‘Seres’, Pepe Capelán colle as rendas do programa líder das noites en Galicia, ‘Pensando en Ti’, acompañado por Isi e Toño Casais, para darlles voz aos oíntes, auténticos protagonistas do programa. Nas fins de semana, Marcial Mouzo manterá a dirección deste clásico das madrugadas galegas.

Nuria Polo e Isabel Pichel estarán á fronte de ‘Galicia por Diante Fin de Semana’. O tramo informativo cambia o seu horario de 09:00 a 10:00 h, con máis proximidade e espazo para a información deportiva.

Ás 10:00 h, Pichel continuará ata o mediodía acompañada dos apuntamentos do catedrático Jorge Mira; do xefe do Servizo de Cardioloxía do Hospital Clínico de Santiago, Xosé Ramón Juanatey; do escritor Manuel de Lorenzo e do filólogo Paulino Novo. Se ben esta temporada contarán con novos compañeiros: a psicóloga e sexóloga Ana Castro Liz e as xornalistas Ángela Aboy e Adela Bértolo. O humor correrá a cargo de Tito Rober.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade