Publicador de contidos

Publicador de contidos

Unións Agrarias denuncia competencia desleal nos prezos do leite e pide máis inspeccións

Unións Agrarias denuncia competencia desleal nos prezos do leite e pide máis inspeccións

A organización agraria mantivo unha xuntanza coa conselleira de Medio Rural para esixir medidas contra a chegada de leite de Portugal e Francia

O sector lácteo está en plena negociación do prezo do leite nunha situación de suba xeralizada de custos polos efectos da guerra en Oriente

A consellería de Medio Rural solicita ao goberno central unha baixa de impostos e tamén corresponsabilidade á industria para confrontar a suba de prezos

G24.gal 14/03/2026 14:37 Última actualización 14/03/2026 15:29

Representantes de Unións Agrarias mantiveron esta mañá unha xuntanza coa conselleira de Medio Rural, para requirir medidas contra a competencia desleal, denuncian, tras detectar a entrada de leite procedente de Francia e Portugal a prezos máis reducidos que en Galicia.

Dende a organización agraria denuncian que en plena situación de suba de custos de combustible, enerxía e fertilizantes debido ao conflito armado en Oriente, as industrias pretenden negociar á baixa, ata oito céntimos o litro nalgúns casos, os contratos do prezo do leite que se está a negociar estes días.

O representante de Unións Agrarias, Roberto García, pediu a realización de inspeccións exhaustivas da procedencia e destino do leite que chega a Galicia, e avanzou que a partir desta semana organizaranse piquetes informativos para comprobar o prezo e orixe das cisternas que cheguen de fóra de Galicia e denunciar as que marquen un prezo por debaixo do mercado.

"Parécenos razoable unha campaña intensiva de inspección; primeiro, para os gandeiros e para a protección das súas rendas, pero tamén para os consumidores porque a trazabilidade é un dereito básico", asegurou Roberto García, secretario xeral de Unións Agrarias.

Dende a consellería adiantouse que se desenvolverá un plan específico de inspección. Ademais, a titular de Medio Rural, María José Gómez, anunciou que solicitará ao goberno central unha redución dos impostos sobre enerxía e o combustible agrícola para tentar diminuír o incremento dos custos rexistrado nos últimos días. Tamén fixo un chamamento a responsabilidade da industria láctea para apoiar aos gandeiros, a parte máis débil do sector, e que as baixadas nos contratos sexa a menor posible.

"En canto á suba de custos de produción e aos gasóleos ímoslle pedir ao goberno de España que reduza os impostos que gravan a enerxía e o gasóleo agrícola, que xa se ten feito noutras ocasións e que se faga de xeito urxente; no ámbito de renovación dos contratos lácteos pedímoslle ás industrias corresponsabilidade", manifestou María José Gómez, conselleira de Medio Rural.

O representante de Unións Agrarias asegurou ter constancia da existencia de propostas da industria a gandeiros de reducións de ata 8 céntimos por litro de leite, deixando un prezo base de 38 céntimos o litro. Indicou que por mor da guerra os custos de produción dos gandeiros aumentaron ata 4 céntimos por litro, pero que se o conflito segue, podería subir ata sete céntimos litro as perdas para os produtores.

 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade