Prorrogadas ata o 31 de outubro as medidas fronte á dermatose nodular contaxiosa no gando bovino
A Consellería do Medio Rural sinala que estas medidas se poderán ampliar en función da evolución epidemiolóxica da enfermidade co obxectivo de seguir protexendo a cabana galega
Deste xeito, con esta resolución seguen permitidas as feiras, certames, poxas, mercados e concentracións de gando bovino coa finalidade comercial, aínda que só con asistencia de animais de explotacións galegas
Rosa Veiga-Europa Press
A Consellería do Medio Rural publicou este martes no Diario Oficial de Galicia a resolución pola que se prorrogan as medidas cautelares fronte á dermatose nodular contaxiosa no gando bovino, que producirá efectos entre o 1 e o 31 de outubro, ambos os incluídos.
Diso informou a Consellería do Medio Rural, que sinala que estas medidas se poderán ampliar en función da evolución epidemiolóxica da enfermidade co obxectivo de seguir protexendo a cabana galega.
O departamento autonómico explica que a análise do risco sanitario existente, que se realiza de forma permanente polos Servizos Veterinarios Oficiais da Consellería, aconsella manter polo de agora as medidas cautelares establecidas en Galicia.
Deste xeito, con esta resolución seguen permitidas as feiras, certames, poxas, mercados e concentracións de gando bovino coa finalidade comercial, aínda que só con asistencia de animais de explotacións galegas.
Os vehículos procedentes de fóra da comunidade que acudan a estes eventos deberán acceder ás instalacións baleiros, limpos e desinfectados. Con respecto á celebración extraordinaria de concursos, certames, poxas e exhibicións, continuará sendo necesaria a autorización previa da Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias da Consellería do Medio Rural, no seu caso tamén coa asistencia só de animais procedentes de explotacións galegas.
Vixilancia veterinaria
De igual modo, mantense o período de vixilancia veterinaria oficial vixente, de 28 días para todos os bovinos procedentes de explotacións localizadas fóra de Galicia -con destino a vida-, desde a data da súa incorporación á explotación de destino.
Todos os animais das granxas que incorporen bovinos procedentes doutras partes do territorio español ou do estranxeiro quedarán inmobilizados de forma cautelar durante o mesmo período de tempo.
Unha inmobilización que afectará os bovinos presentes na explotación da data de entrada de novos animais. Así, segue sendo obrigatorio desinsectar todos os bovinos presentes na explotación á que se incorporen estes animais, así como todos os vehículos de transporte de gando que realicen movementos de entrada a Galicia, tanto para a vida como para sacrificio e, neste último caso, manténdose a posibilidade da súa entrada sempre que sexa trasladado directamente ao matadoiro.
Ademais, os Servizos Veterinarios Oficiais de Medio Rural continuarán realizando todas as actuacións necesarias de inmobilización das explotacións, vixilancia sanitaria, comprobación da correcta desinsectacción, control das condicións de limpeza e desinsectacción de vehículos, coa colaboración das forzas e corpos de seguridade do Estado.