Os tractores que revolucionaron o agro hai 60 anos aínda están en uso
Os Barreiros ou os Ebro dos anos 60 son pezas de colección, pero aínda fan traballos domésticos
Foron os primeiros fabricados en España, ata entón chegaban por contagotas cun cupo de importación
Os primeiros tractores chegaron a Galicia na década de 1960. Eran tamén os primeiros de fabricación española: antes diso había un cupo para importalos, así que eran fabas contadas.
"Moitos destes viñan xa de segunda man, de Castela, cando alí cambiaban a máis potencia", explica Manuel Iglesias, gandeiro xubilado e coleccionista de maquinaria antiga.
Eran tractores pequenos, que se adaptaban ben ao tamaño das parcelas galegas, e foron substituíndo os animais para traballar o campo. "Iso contribuiu a un desenvolvemento do agro, a producir alimentos en máis cantidade, en serie", di Iglesias.
Di que eran tractores "simples, sinxelos e moi manexables". Aqueles Barreiros ou Ebro valóranse hoxe como auténticas pezas de museo, pero tamén, por esas calidades, aínda resisten en uso.
"Aínda se poden ver traballando -di Manuel-, non en granxas profesionais, pero si nas casas, para facer as hortas domésticas".
Para os profesionais, quedaron obsoletos hai anos. "O traballo que se pode facer cunha máquina destas en todo o día, unha actual faicho nunha hora ou menos" resume Manuel Iglesias, da SAT O Chope de Silleda. "Por rendemento, por tempo e por todo, sería impensable usar estas máquinas no noso traballo do día a día".
E tamén por seguridade e por comodidade. Ter asento regulable, cabina insonorizada ou aire acondicionado, marca a diferenza cando hai que botar horas no tractor.
"É como a noite e o día", di Maicol Vinasco, encargado de maquinaria da SAT O Chope. "Cando é o tempo da campaña, hai que traballar moitas horas, e nestes tractores non se nota porque a comodidade é moita", engade.
Hoxe un tractor é máis cómodo, máis seguro e máis potente, pero tamén máis preciso e autónomo: sabe como é a parcela e que necesita, así que axusta o traballo en cada zona.
"Axusta o fertilizante ou o número de sementes en función da calidade do terreo e da produtividade que tivera o ano anterior -explica Manuel-. É agricultura de precisión que, hoxe, coas marxes tan axustadas, necesítase".
Calculan que a tecnoloxía actual págase hoxe a un prezo medio de 1.000 euros por cabalo. Nos anos sesenta eran 4.000 pesetas, uns 24 euros, pero custaba máis chegar a eles.
"Daquela era todo un reto comprar un tractor", di Manuel Iglesias. Lembra que, para comprar o primeiro tractor na súa casa, xuntáronse tres veciños. "Partíase dunha economía de subsistencia, non había ingresos, así que era moi difícil conseguir eses cartos", explica.
Son pezas en desuso pero, hoxe, da man de coleccionistas coma el, aínda conservan mercado e valor.