Publicador de contidos

Publicador de contidos

Robert E. Hali e Michael Woodford, galardoados co Nobel de Economía

Robert E. Hali e Michael Woodford, galardoados co Nobel de Economía

Foron galardoados "por fundamentos microeconómicos e da estabilización macroeconómica", segundo desvelou este luns a Real Academia Sueca de Ciencias

O Nobel de Economía non forma parte do legado de Alfred Nobel, xa que foi establecido en 1968 polo Riksbanken, o banco central sueco, coincidindo co 300 aniversario da entidade

Niklas Elmehed © Nobel Prize Outreach Niklas Elmehed © Nobel Prize Outreach
G24.gal 12/10/2026 12:10 Última actualización 12/10/2026 13:11

Os economistas Robert E. Hali e Michael Woodford foron galardoados co Nobel de Economía en 2026 "por fundamentos microeconómicos e da estabilización macroeconómica", segundo desvelou este luns a Real Academia Sueca de Ciencias.

Os galardoados "desenvolveron novos modelos macroeconómicos que melloraron significativamente a nosa capacidade para aplicar políticas de estabilización eficaces" coa aplicación de medidas de política fiscal e monetaria que, aplicadas no momento oportuno, poden reducir os altibaixos da economía, é dicir, as fases de recesión e de expansión.

Así, a investigación destes dous economistas "dotounos de mellores ferramentas para xestionar as crises económicas", agregou a Real Academia das Ciencias de Suecia no seu fallo.

Hall e Woodford sentaron as bases do paradigma neokeynesiano, no que os modelos se constrúen a partir de fundamentos microeconómicos, é dicir, de abaixo cara arriba.

A hipótese de Hall, que presentou os seus resultados nun artigo en 1978, era que os cambios no consumo non podían predicirse porque dependen de información nova e, por tanto, impredicible, o cal resultou clave para o desenvolvemento da investigación moderna sobre o consumo.

En tanto, o modelo económico de Woodford permitiu responder de forma máis eficaz ás perturbacións que poden alterar o equilibrio entre a oferta e a demanda, e que pode restablecerse mediante unha política de estabilización que reduza ou aumente a demanda.

O Nobel de Economía non forma parte do legado de Alfred Nobel, xa que foi establecido en 1968 polo Riksbanken, o banco central sueco, coincidindo co 300 aniversario da entidade, aínda que é outorgado desde entón pola Real Academia Sueca de Ciencias segundo os mesmos principios que os Premios Nobel outorgados desde 1901.

O galardón foi concedido por primeira vez en 1969, distinguindo ao noruegués Ragnar Frisch e ao holandés Jan Tinbergen.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade