Expendedoras para todo: colocan dispensadoras de marisco conxelado en aparcadoiros de Vigo
Unha empresa de estacionamentos instala dezanove máquinas que ofrecen tamén produtos para mascotas
Este sistema de venda triunfa na cidade con outras mercadorías atípicas: dende pomadas a artigos para a pesca
A sorpresa déixate... xeado. Ao principio custa crelo pero, si, é unha máquina expendedora de marisco conxelado colocada á porta dun aparcadoiro de Vigo. Moitos entran e quedan estrañados. Podes mercar lagostinos, gambas... antes de coller o coche. E hai máis: a empresa, Welgood, instalou dezanove novas dispensadoras en oito estacionamentos da cidade, que ofrecen tamén produtos para mascotas. Queren comprobar se hai demanda para unha idea que hai tempo que tiñan na cabeza.
"Por aquí pasa moitísima xente ao cabo do ano , moitísima. É un fluxo enorme. Por que non lles vas ofrecer, igual que tes bicis eléctricas ou calquera outro tipo de servizo, pois isto? Que igual che arregla unha cea, unha comida...", explica Patricia Díaz, a directora comercial e de Novos Negocios de Welgood.
A idea é captar clientes fóra dos horarios comerciais. É un anzó no que hai tempo que xa pican en Bouzas, tamén en Vigo. Alí, a carón da praia e á entrada dos peiraos, un pequeno quiosco conta con nada menos ca catro máquinas expendedoras. Unhas ofrecen os refrescos e os petiscos clásicos pero outras dúas chaman a atención. Hai que fixarse, son artigos para a pesca: anzois, cordeis, incluso cebo vivo. O seu responsable, comercial de produtos de pesca, tivo a idea ao ver que el mesmo non atopaba onde mercar material, en determinadas horas, nos lugares que visitaba.
"Moitos cando pasan quedan abraiados e preguntan se poden sacar fotos. Peregrinos ingleses, alemáns, holandeses... Que din que é unha cousa que non o poden crer", relata Josué Rodríguez, o encargado de El Bicho de Bouzas.
A venda de todo tipo de produtos en máquinas expendoras é un sistema moi popular noutros países, por exemplo, no Xapón. En Vigo, unha das pioneiras foi unha farmacia. As boticas non poden vender así medicamentos (só está autorizado a facelo un farmacéutico real) pero si outro tipo de cousas: pomadas, preservativos, probas de embarazo, pasta de dentes... A farmacia Viéitez López empezou cunha dispensadora convencional e logo montou unha gran máquina electrónica conectada ao almacén do local.
"No verán , vendemos máis protección solar, repelente de insectos, soros... E en inverno, probiótiocos para as defensas, para a gorxa, caramelos...", describe Amil López, titular da farmacia da rúa Caracas.
Porque a tecnoloxía xa permite que este tipo de máquinas vendan case de todo. Tamén plantas, como empezaron a facer hai pouco algunhas florarías.