Publicador de contidos

Publicador de contidos

Os tractoristas decidirán na fin de semana se desbloquean a A-52 tras a reunión "positiva" coa Subdelegación

Os tractoristas decidirán na fin de semana se desbloquean a A-52 tras a reunión "positiva" coa Subdelegación

O subdelegado do Goberno en Ourense celebra "un clima construtivo" e compromete "contacto permanente" co sector

Europa Press Europa Press
G24.gal 20/02/2026 17:22

O subdelegado do Goberno en Ourense e gandeiros e agricultores, que permanecen estacionados na autovía A-52 ao seu paso por Xinzo de Limia desde fai preto dun mes, valoraron "positivamente" a primeira reunión mantida tras forzar a entrada no edificio da Subdelegación a principios de mes, aínda que "sen acordos firmes", e os tractoristas avanzaron que decidirán esta fin de semana se desbloquean a autovía.

Así o trasladaron os manifestantes á súa saída da reunión, no edificio da Administración estatal, onde celebraron "predisposición ao diálogo" por parte de Santos para "seguir traballando".

"Adiantos poucos, pero hai predisposición. Despois de dous meses xa nos imos empezando a entender e cremos que por aí debemos seguir", sinalou Javier Losada, un dos portavoces.

Neste sentido, os tractoristas explicaron que durante o encontro ambas partes trataron cuestións como os recortes da PAC, Mercosur, a lei de cadea alimentaria e, especialmente, a vacinación contra a dermatose nodular.

En concreto, Miguel Gómez, outro dos portavoces e gandeiro, trasladou as dúbidas do sector en canto á nova normativa, a partir da cal "España abre as portas a Francia para poder traer vacas vacinadas".

"Temos moitas dúbidas sobre se vai ser a liña correcta para nós. Se nunha explotación hai vacas vacinadas compradas desde estes países e dá unha positivo, sacrifícanas todas ou as que non están vacinadas?", engadiu.

Nesta liña, Gómez debullou que esta enfermidade "non se está transmitindo a outras zonas pola climatoloxía actual" e transmitiu a súa preocupación "cando veña a primavera e os vectores empecen a funcionar".

"Non é o mesmo que un mosquito que pica e transmite, senón que só con que se pouse no animal xa transmite a enfermidade, entón creo que quedaron bastante sorprendidos diso. Non creo que a día de hoxe teñan algún mecanismo para enfrontar este problema", lamentou.

Así mesmo, gandeiros e agricultores reiteraron que as multas impostas tras as reivindicacións "foron un pouco abusivas", ascendendo en total a preto de 300.000 euros, segundo as súas estimacións, e sinalaron que, aínda que comprenden que "ao facer algo ilegal é normal sancionar", tentarán "abordalas como poidan" ou, de ser posible, "recorrelas". Nesta liña, pediron á Administración que "comprenda a situación" e "utilice as armas legais que teña" para reducir as contías.

Así, avanzaron que trasladarán as cuestións tratadas na reunión ao resto de manifestantes para decidir, durante a fin de semana, se desbloquear a A-52, despois de case dous meses concentrados.

Reunión entre o subdelegado do Goberno en Ourense e os agricultores. Europa Press Reunión entre o subdelegado do Goberno en Ourense e os agricultores. Europa Press

Pola súa banda, o subdelegado celebrou un "clima construtivo" durante o encontro, con "escoita e colaboración" e "compartindo o obxectivo común de fortalecer e defender" o sector primario da provincia.

Santos recolleu "as principais inquedanzas" dos portavoces para trasladarllas ao Ministerio de Agricultura, especialmente con respecto á lei da cadea alimentaria, "fundamental para garantir prezos xustos".

Neste sentido, en relación á vacinación contra a dermatose, o subdelegado trasladou que as competencias en "sanidade animal e control de movementos corresponden á Xunta" e recalcou que esta é a "administración responsable de aplicar as medidas oportunas no territorio".

Finalmente, Eladio Santos comprometeuse a manter un "contacto permanente" co sector, así como a "impulsar novos encontros de seguimento".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade