Publicador de contidos

Publicador de contidos

O calendario decisivo da opa do BBVA sobre o Sabadell, por Santiago Calvo

OPINIÓN

O calendario decisivo da opa do BBVA sobre o Sabadell, por Santiago Calvo

(Europa Press / David Zorrakino)
Santiago Calvo 08/09/2025 08:07

A grande operación financeira deste outono é a OPA lanzada polo BBVA sobre o Banco Sabadell. A Comisión Nacional do Mercado de Valores xa autorizou o folleto, e desde o hoxe, luns 8 de setembro, os accionistas dispoñen de trinta días, ata o 7 de outubro, para decidir se aceptan ou non a oferta. Trátase dunha operación hostil, na que o BBVA tenta integrar o Sabadell sen contar co visto e prace inicial do seu Consello de Administración.

O calendario está ben marcado: o 18 de setembro o Consello do Sabadell emitirá un informe sobre a operación, o 7 de outubro remata o prazo de aceptación, o 14 publicarase o resultado oficial e, se sae adiante, a liquidación produciríase entre o 17 e o 20 de outubro.

A proposta do BBVA consiste en entregar unha acción súa mais 70 céntimos en efectivo por cada cinco accións e media do Sabadell. O problema é que a oferta chega cunha prima negativa, porque as accións do Sabadell se revalorizaron nos últimos meses. Isto fai pensar que o BBVA podería verse obrigado a mellorar as condicións se quere ter éxito.

Outro punto clave é a condición mínima: o BBVA puxo o listón no 50 % do capital, pero podería rebaixalo ao 30 %. Nese caso, tería que lanzar unha oferta en efectivo ao resto dos accionistas, cun custo que se calcula en varios miles de millóns de euros.

Quedan tamén moitas incógnitas. No plano laboral, o BBVA fala de sinerxías de máis de 300 millóns de euros, o cal previsiblemente suporá recortes de emprego, aínda que asegura que no primeiro ano non haberá cambios significativos. No plano estratéxico, están en xogo as alianzas do Sabadell con Zürich ou BNP que se se rompen poderían xerar custos adicionais.

E no plano xurídico, o BBVA recorreu ao Supremo contra a condición imposta polo Goberno, que veta unha fusión durante tres anos. Se gañase ese recurso, a integración podería acelerarse.

En definitiva, a OPA do BBVA sobre o Sabadell é unha operación chea de datas clave, con moitas incógnitas sobre prezo, emprego e alianzas, que marcará o futuro do mapa bancario español. A última palabra, de momento, está nas mans dos accionistas do Sabadell.

As claves económicas da semana do 8 ao 12 de setembro

A semana económica chega cargada de citas en España e en Europa. En Francia, o primeiro ministro François Bayrou enfróntase a unha moción de confianza cun claro fondo económico: o seu plan de axuste para reducir un déficit que rolda o 6 % do PIB. O resultado marcará a estabilidade política da segunda economía do euro.

O mércores o Congreso debaterá a redución da xornada laboral, unha medida que previsiblemente será rexeitada, pero que amosa a tensión entre política e mercado laboral nun momento delicado para a produtividade.

Tamén coñeceremos a produción industrial de xullo, un bo termómetro do pulso da economía.

E o xoves toda a atención estará en Frankfurt: o Banco Central Europeo presentará as súas novas previsións e agárdase que manteña os tipos de xuro sen cambios, confirmando unha pausa tras máis dun ano de rebaixas case continuadas.

E pechamos a semana de volta en España, onde INE confirmará o dato definitivo da inflación de agosto, logo de que o adiantado situase a taxa no 2,7 % interanual. Será importante ver se a tendencia á moderación dos prezos se consolida.

En resumo, unha semana na que política e economía volven ir da man a ambos os lados dos Pireneos.

 

 

 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade