Publicador de contidos

Publicador de contidos

Carlos Alcaraz destrona a Sinner e faise co US Open, o seu sexto gran torneo

Carlos Alcaraz destrona a Sinner e faise co US Open, o seu sexto gran torneo

O murciano desquitouse da final de Wimbledon no que xa é o gran clásico do tenis actual e rouboulle o segundo gran torneo da temporada a Sinner, presente nas 4 finais

Alcaraz será o número un do tenis mundial a semana que vén

Foto: EFE
G24.gal 07/09/2025 23:26

Carlos Alcaraz gañou a final do Aberto dos Estados Unidos. Derrotou ao seu gran rival, Jannik Sinner, no que é xa o gran clásico do tenis actual e se repetiu nas últimas tres finais dos Grand Slam. A de Roland Garros e a dos Estados Unidos gañounas Alcaraz. A de Wimbledon foi para o italiano, que tamén se impuxo en Australia. Sen embargo, co triunfo en Nova York, Alcaraz toma vantaxe con 6 grandes por 4 do seu rival e quítalle o número un do mundo.

O primeiro set da final comezouno mellor o murciano. Fíxose cos dous primeiros xogos e, a partir de aí, mantivo esa vantaxe dun break para rematar pechando a rolda con outra rotura no sétimo e 6-2 servindo.

Pero, como non podía ser doutro xeito, Jannik Sinner reaccionou na segunda rolda, e de que xeito. Abriu oco axiña, cun 4-1 que lle serviu para pechar a rolda 6-3.

O partido estaba outra vez igualado e prevíase un terceiro set a cara de can. Pero non foi así. Tocáballe a Alcaraz o papel de dominador e fíxoo dun xeito incontestable. Colocouse 5-0 e so lle permitiu a Sinner sumar o sexto xogo antes de plasmar a vantaxe no marcador co 6-1.

A cuarta rolda comezouna mellor Sinner, pero non houbo rotura de saque ata o quinto xogo; acadouna Alcaraz, que se colocaba nunha gran situación. So lle quedaba conservar o seu saque. O seguinte gañouno en branco, colocandose 5-3. Sinner non estaba disposto a deixarse ir e anotou o 5-4. O último servizo de Alcaraz dáballe a oportunidade de proclamarse campión en catro sets, por un resultado de 6-2, 3-6, 6-1 e 6-4 en menos de tres horas. Carlos Alcaraz segue agrandando a súa lenda.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar