As vilas costeiras de toda Galicia celebran este mércores o Día do Carme
Devoción relixiosa e divertimento mestúranse nunha das festas máis vistosas do ano
Neste Día do Carme, as vilas mariñeiras de Galicia honran a patroa das xentes do mar.
Camariñas é unha das vilas onde máis se gardan as tradicións deste día. Primeiro, coa danza dos arcos, instalada na vila pero procedente de Cariño. Despois, enfeitando os barcos: pesqueiros e de recreo.
A procesión por mar non pode faltar. Este ano a imaxe da Virxe vai no Nuevo Miñones.
"Porque é a patroa dos mariñeiros. É unha tradición dos mariñeiros. Quitamos a Virxe en procesión. Tiramos a coroa no medio da ría e imos darlle unha visita aos nosos compañeiros de Muxía. Despois imos ata Merexo...", conta o armador Domingo Miñones.
Todos os barcos da vila van engalanados con bandeiras e flores. Este ano triunfou especialmente o loureiro.
"Gústache o día que che toca levar a Virxe, que igual a levas unha vez na vida, que a cousa vaia algo ben", di Miñones.
A festa deixa as rúas de Camariñas cheas de xente: por devoción relixiosa pero tamén por divertimento. Algúns barcos convértense hoxe en auténticas discotecas flotantes.
"O primeiro foi un pouquiño contraditorio e polémico. Agora viñeron máis atrás. E viñeron máis barcos que copiaron a idea. Levamos sete anos", conta Ismael Suárez, de Disco móbil Impacto.
Durante uns anos, os barcos non levaban xente a bordo á procesión. Agora, volven levala, pero asumindo riscos. Se hai algún accidente, faise cargo o armador.
"Non hai nada que se faga cargo. Faise cargo o armador coma noutros casos. Por iso se vai perdendo algo a tradición", lamenta Miñones.
Rescatan os tripulantes dunha lancha que envorcou durante a procesión en Boiro
Os tripulantes dunha lancha que participaba na procesión da Virxe do Carme no municipio coruñés de Boiro tiveron que ser rescatados este mércores ao envorcar a embarcación na que navegaban.
Segundo explicou o alcalde de Boiro, José Ramón Romero, tratouse "dun pequeno susto" provocado polas ondas dun barco bateeiro. A lancha, que navegaba pegada á embarcación mexilloneira, acabou envorcando pola forza das ondas.
Tras o incidente, os ocupantes foron recollidos polo propio barco bateeiro, que tamén remolcou a lancha ata o porto. O accidente ocorreu pasadas as 14:00 horas, cando a comitiva regresaba ao porto despois de facer a ofrenda.