Despedida aos pequenos saharauís que pasaron o verán con familias de acollida galegas
Neste 2025 participaron no programa Vacacións en Paz 305 menores que viven como refuxiados nos campamentos de Tinduf
Este serán en Ponteareas despediron cunha festa infantil moitos dos nenos saharauís que pasaron este verán en Galicia acollidos por familias de aquí.
Neste 2025 participaron no programa Vacacións en Paz 305 menores que viven como refuxiados nos campamentos de Tinduf. A asociación que coordina este programa de acollemento leva 35 anos loitando polos dereitos do Sáhara Occidental.
Estes pequenos, que habitualmente viven nos Campamentos de refuxiados de Tinduf en Alxeria, acaban de pasar o verán en Galicia. Hoxe fanlles unha pequena festa de despedida en Ponteareas.
"Galicia, sen ser unha das comunidades máis grandes é a segunda en número de acollementos. Galicia sempre foi solidaria, Galicia é solidaria, e a verdade é que temos unhas familias acolledoras que son a columna vertebral deste programa e sen eles sería imposible", conta Maite Isla, a presidenta de SOGAPS.
"Isto achega aos nenos unha experiencia que ao mellor chega só unha vez na vida. Os nenos veñen dun mundo completamente diferente, dun deserto onde non hai nada e cando veñen aquí abren os ollos a un mundo completamente diferente", aclara Hanan Handi Alali, monitora.
"Porque me parece importante para eles, para darlles unha experiencia gratificante, que o pasen ben, que descubran cousas novas, que vaian ao médico, que se alimenten ben... Pero tamén para visibilizar. Porque ao final os meus amigos, a familia, a xente que me atopa pola rúa cun neno que non coñecen pregúntanme: de onde saíu? e iso dáme pé para explicarlles que o Sáhara occidental está alí, no mapa, e que esta xente non pode vivir alí porque está Marrocos invadíndoos desde hai máis de cincuenta anos", engade Tamara Novoa, que acolleu a Abdelbuset Salama na súa casa.
"Eu sempre digo, todos os anos, cando sube o último neno aos avións eu digo sempre que oxalá para o ano estes nenos puideran vir, pero non desde os campamentos de refuxiados, senón que puideran vir desde o Sáhara libre e non ocupados por Marrocos", conclúe Maite Isla, a presidenta de SOGAPS.
SOGAPS, a asociación que coordina o programa de acollemento en Galicia leva 35 anos cambiando a vida dos nenos que viven en campos de refuxiados, regalándolles e gozándoos un verán. Este ano 305 familias acolleron nas súas casas a 305 menores durante xullo e agosto.