Galicia ultima os preparativos para a organización das fogueiras do san Xoán
Por toda Galicia arderán cacharelas a noite de san Xoán. As praias de Riazor e do Orzán na Coruña ou os areais de Nigrán son algúns do puntos de maior confluencia. En todos eles os dispositivos de organización, vixilancia e seguridade xa están preparados.
Na Coruña xa empezaron a parcelarse na tarde deste luns as praias urbanas para reservar sitio para unha das celebracións máis agardadas do ano.
Televisión de Galicia emitirá o Especial San Xoán 2026 a partir das 21,45, xusto despois dun Telexornal Serán que se emitirá, en parte, desde A Coruña. Lucía Rodríguez presentará este espazo, que contará cunha ampla despregadura de reporteiros para achegar as tradicións, os rituais e as fogueiras máis concorridas.
Máis de mil persoas traballarán na noite de san Xoán para que nas praias da Coruña a festa máis popular do ano sexa unha auténtica celebración. O Concello vai repartir este ano 120 toneladas de madeira en distintos puntos dos areais, onde estará o epicentro da festa.
Unha das novidades é a campaña "En san Xoán, limpar as praias é de primeira", que vai parcelar unha parte de Riazor reservada para entidades veciñas culturais e deportivas que se comprometen a deixar o espazo limpo ao remate da noite. A idea é que os areis non amenzan cheos de lixo.
Os efectivos específicos na Coruña complétase cun amplo dispositivo de Policía Local, Bombeiros e Protección Civil e cos puntos violetas no paseo marítimo, onde se repartiran unhas 2.000 pulseiras para a prevención de violencias machistas.
Todo listo en Nigrán
Nas praias dos sur coma as de Nigrán tamén está todo listo para que milleiros de persoas gocen desta noite máxica.
Aínda que hai ata 85 fogueiras con permisos, na praia de Paxón só se van permitir dúas grandes cacharelas, que van contar cun dispositivo de vixilancia sen precedentes: drons do equipo Pegaso da Garda Civil, 7 cámaras móbiles, un hospital de campaña, un Punto Lila e duascentas persoas dos distintos corpos de seguridade que vixilaran o areal.
🧙♀️🔥 O San Xoán celébrase con fogueiras e moitas ganas de diversión, pero convén lembrar que o alcohol pode darnos unha falsa sensación de seguridade.
— 112 Galicia (@112Galicia) June 23, 2026
O mar non perdoa un erro de cálculo. Celebremos a noite máis curta con #sentidiño! 🌊 pic.twitter.com/NSKF4QFQND