Publicador de contidos

Publicador de contidos

O Celta empeza a pretemporada cun plato forte en Braga (sábado, 20:30, na TVG)

O Celta empeza a pretemporada cun plato forte en Braga (sábado, 20:30, na TVG)

O primeiro amigable é diante dun dos equipos máis potentes de Portugal

Javi Galán e Aleix Febas son as dúas novidades que ten arestora o cadro de xogadores de Claudio Giráldez

G24.gal 17/07/2026 11:14

O Celta xoga o primeiro amigable da pretemporada este sábado, ás 20:30 horas, no campo do Sporting de Braga, un partido que se poderá ver en directo pola Televisión de Galicia. Con dúas semanas de traballo nas pernas o conxunto vigués terá un rival de altura, cuarto no último campionato de Portugal e que se presenta diante da súa afección. 

Será o quinto amigable de preparación dun Braga moito máis rodado porque vai ter o vindeiro 23 de xullo o primeiro partido oficial desta campaña na previa da Conference League. Nos "Guerreiros do Minho" hai un xogador para o que o partido vai ser moi especial, o vigués Sergio Barcia que xogará diante do club que o viu nacer deportivamente. 

As dúas novidades dentro do plantel do Celta son Aleix Febas e Javi Galán. O lateral esquerdo non terá ningún problema de adaptación porque xa estivo dúas campañas vestindo a celeste (2021-23) antes de marchar ao Atlético de Madrid. O resto de xogadores xa son vellos coñecidos dun equipo que a campaña pasada conseguiu o sexto posto e praza directa na Europa League por segundo ano seguido. Aínda así agárdanse movementos nas vindeiras datas para dar saída a varios xogadores e algunha peza que debe incorporarse ao conxunto vigués. 

Unai Núñez, Carles Pérez e Manu Sánchez semella que non van ter sitio no plantel definitivo así como algún efectivo que estivo a pasada temporada no club. Tamén hai varios xogadores do Fortuna (Óscar Marcos, Ángel Arcos, Hugo González, Burcio, Coke) que intentarán amosar as súas cualidades para ver se poden ter sitio no primeiro equipo. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade