Publicador de contidos

Publicador de contidos

TVG estrea temporada con máis dunha ducia de novas propostas, series, realities e moito entretemento

TVG estrea temporada con máis dunha ducia de novas propostas, series, realities e moito entretemento

A Galega aposta forte pola ficción, coa miniserie ‘O asasino do pelo roxo’, o humor de ‘Millonarios’ con Touriñán e Eva Iglesias e o costumismo dos anos 60 en Pontevedra, con ‘Clínica Miranda’

Chegan á grella cinco realities, ‘Orgullo de familia’, ‘Bos hábitos’, ‘O campo é noso’, ‘Octavio e os seus animaliños’ e ‘Planeta Pampín’

E novos programas como ‘Os Crononautas’, unha viaxe no tempo apoiada pola IA, ou ‘Conexión segura’, que introducirá os espectadores no lado oculto da Internet

A presentación, cun musical de dúas horas cheo de estrelas, celebrouse este mércores na sala Pelícano da Coruña

G24.gal 10/09/2026 09:48 Última actualización 10/09/2026 11:03

 ‘MELLOR Á GALEGA’, a programación de outono da Televisión de Galicia vestiuse de gala este mércores na sala Pelícano da Coruña, onde se desvelarron máis dunha ducia de novos contidos de entretemento que abranguen ficción, actualidade, realities, deportes e historia. A TVG presenta a grella da nova tempada cun musical presentado por Xosé Ramón Gayoso, Laura Boado e Arturo Fernández, e que se emitirá o venres á noite.

 A ficción propia viaxará ao pasado en ‘Clínica Miranda’, produción ambientada na Pontevedra dos anos 60; a crónica negra recente é o xénero de ‘O asasino do pelo roxo’, unha miniserie que descobre a historia real dun caso da recente crónica negra de Galicia; e, ademais, moito humor en ‘Millonarios’, formato de comedia que segue as divertidas situacións da vida de ricos de dous millonarios por accidente, con Xosé Antonio Touriñán e Eva Iglesias como protagonistas.

A canle pública aposta pola proximidade e o ton optimista ao amosar a vida real de persoas anónimas e famosas en cinco realities. ‘Orgullo de familia’ achegará a realidade e as raíces de tres familias xitanas. Máis que tratar sobre relixión, o programa de encontros ‘Bos hábitos’ convida a mirar os curas desde o seu lado máis persoal e a súa interacción coa contorna. Coa ollada posta no rural, ‘O campo é noso’ é un agroreality, que segue o día a día de mozos e mozas agricultores e gandeiros. O coñecido experto en conduta animal Octavio Villazala abre as portas do seu centro en ‘Octavio e os seus animaliños’. E a artista Pili Pampín será a protagonista xunto coa súa familia no reality ‘Planeta Pampín’.

Servizo público, alfabetización mediática e investigación

 A historia como nunca se viu chega con ‘Os Crononautas’, un espazo presentado por David Vilares e Trisha Fernández que viaxa no tempo para coñecer momentos clave da nosa historia, con recreacións de grande impacto visual, apoiadas no uso da IA. Amais, a TVG ten prevista a estrea dun espazo cunha clara vocación de servizo público, ‘Desaparecidos’, que intentará atopar respostas aos centos de casos de desaparicións sen causa aparente e que se suma ao programa de investigación ‘Expediente oculto’.

Os espazos de decoración e rehabilitacións, ‘Casa de cor’ e ‘Galicia bonita’, veranse complementados con ‘A miña casa ten flow’, no que Yayina Torres desenvolverá reformas orientadas a mellorar a funcionalidade dos espazos. E no apartado da divulgación, cómpre salientar a estrea de ‘Conexión segura’, programa de investigación que se introducirá no lado oculto da Internet para revelar como operan os cibercarrachos e, sobre todo, como hai que protexerse deles; ademais, ‘Mirada allea’ achegará as historias de persoas que deciden asentarse en Galicia e ‘Cos pés no mar’ dará a coñecer as historias de persoas que fan unha aposta vital polo mar.

Máis ‘Land Rober’, ‘En compañía de Loli’, ‘Luar’ ...

 E, por suposto, seguen os clásicos comandados por ‘Luar’ e ‘Land Rober’, aos que se lle suman novas temporadas de ‘Bailamos anónimos’, ‘A liga dos cantantes extraordinarios’, ‘Talentos extraordinarios’ e ‘A orquestra perfecta’. Tamén se seguirá gozando das novas entregas de espazos queridos polos espectadores como ‘Curando o mundo’ ou ‘Latitude galega’, así como os magazines que achegan en directo o día a día da nosa comunidade: ‘O termómetro’, ‘Hora galega’, ‘En compañía de Loli’ e ‘Tarde piaches’, neste caso nas fins de semana.

Máis fútbol, Primeira RFEF e Celta Fortuna e Liga Endesa de baloncesto

O compromiso co deporte galego poténciase: TVG e AGalega.gal son a fiestra de referencia para os afeccionados ao fútbol coa emisión en aberto dun partido por xornada da Primeira RFEF grupo primeiro, con cinco equipos galegos -Pontevedra, Rácing de Ferrol, Club Deportivo Lugo, Unión Deportiva Ourense e Fabril Deportivo-. A canle pública seguirá de preto tamén o Celta Fortuna, o filial celeste que debuta na Segunda División, e do que retransmitirá 12 partidos ata maio do 2027.

E os domingos ao mediodía será a quenda do baloncesto. Cada xornada emitirase un partido da Liga Endesa con presenza galega -Río Breogán, Monbus Obradoiro e Leyma Coruña-. En total, serán retransmitidos seis derbis e 34 encontros da competición regular. E a G2 retransmitirá tamén os partidos europeos do Río Breogán.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade