A G2 dedida esta noite a lembrar a figura de Méndez Ferrín
A canle ofrece unha programación especial para lembrar o escritor e achegarse á súa traxectoria e ao seu universo literario a través dunha entrevista, unha película baseada nun dos seus relatos e un documental no que o propio autor reflexiona sobre a súa vida e a súa obra
A G2 modifica esta noite a súa programación de prime time con motivo do falecemento de Xosé Luís Méndez Ferrín, unha das figuras fundamentais da literatura galega contemporánea. A canle ofrece unha programación especial para lembrar o escritor e achegarse á súa traxectoria e ao seu universo literario a través dunha entrevista, unha película baseada nun dos seus relatos e un documental no que o propio autor reflexiona sobre a súa vida e a súa obra.
A partir das 22:30 horas, emitirase unha entrevista a Xosé Luís Méndez Ferrín realizada no programa ‘Galegos’, en que o escritor comparte reflexións sobre a súa personalidade, o seu percorrido vital e literario e a súa visión da cultura galega.
A continuación, a G2 ofrecerá ‘O corpo aberto’, a longametraxe dirixida por Ángeles Huerta e baseada no relato ‘Lobosandaus’, incluído no libro ‘Arraianos’ (1991), de Méndez Ferrín. Ambientada en 1909, a película conta a historia de Miguel, un mestre novo destinado a unha pequena aldea de montaña na fronteira entre Galicia e Portugal. Nun territorio marcado polas tradicións ancestrais e as supersticións, a morte dun veciño e a presenza dun espírito que busca un corpo en que continuar a súa existencia levarán o protagonista a cuestionar os límites entre o mundo dos vivos e o dos mortos.
A película, estreada en 2022, está protagonizada por Tamar Novas, Victória Guerra, María Vázquez e Federico Pérez, entre outros intérpretes. A música orixinal é de Mercedes Peón. A directora Ángeles Huerta constrúe unha atmosfera de misterio e terror arredor do imaxinario da raia, un dos territorios literarios máis característicos da obra de Ferrín.
Xa ás 00:30 horas será a quenda de ‘Ferrín Arraiano’, unha curtametraxe documental dirixida por Aser Álvarez. A peza nace da amizade que o director e o escritor forxaron hai máis de vinte anos en Vilanova dos Infantes, na casa familiar de Ferrín. A partir desa relación, o documental ofrece unha conversa próxima na que o autor fala da súa vida, da súa obra e dos asuntos que máis lle interesan.
Un dos eixes da peza é a raia seca, ese territorio de fronteira imprecisa en que se sitúan os relatos de ‘Arraianos’, unha das obras máis recoñecidas do escritor. A fronteira convértese así nun espazo central da súa literatura e nunha metáfora da súa propia maneira de entender o mundo: un lugar de encontro e tránsito no que, como suxire o documental, sempre acontecen as cousas interesantes.
As tres propostas estarán tamén dispoñibles en AGalega.gal, para que o público poida lembrar e descubrir a figura de Xosé Luís Méndez Ferrín a través da súa voz, da adaptación audiovisual da súa literatura e do testemuño documental.