Publicador de contidos

Publicador de contidos

29N: Non perdas nada da xornada electoral en TVG, Radio Galega e G24

29N: Non perdas nada da xornada electoral en TVG, Radio Galega e G24

Presentado por Marta Darriba e Pablo Muñoz, o especial da TVG ofrecerá desde as 19:30 horas en directo o escrutinio, as comparecencias e as reaccións dos candidatos

O especial da Radio Galega, conducido por Luís Ojea e Celia Rúa, arranca as 20:20 horas

G24 ofrecerá o minuto a minuto da xornada electoral, incluíndo a enquisa de Sigma Dos e os datos do escrutinio en tempo real

G24.gal 28/11/2026 08:00

A TVG seguirá este domingo a xornada electoral do 29 N desde as urnas e as sedes dos partidos cun especial informativo a partir das 19:30 h, que será conducido por Marta Darriba e Pablo Muñoz e que ofrecerá en directo o escrutinio, as comparecencias e as reaccións das candidaturas. 

Como votou cada provincia galega, cantos escanos lle corresponden no Congreso e no Senado ou o peso dese resultado no conxunto do Estado serán algunhas das claves do especial. A cobertura apoiarase nunha ampla despregadura con equipos desde os colexios electorais e nas sedes nacionais e autonómicas das principais formacións.

O especial contará con tres mesas de análise coa participación de Nieves Lagares e Cristina Ares, profesoras de Ciencia Política da USC; María Bastida, catedrática de Organización de Empresas, e María Cadaval, profesora de Economía Aplicada. O programa combinará información de última hora, conexións en directo, gráficos, análise e entrevistas nunha noite decisiva para a configuración do próximo Congreso dos Deputados.

Antes, a Televisión de Galicia seguirá a xornada desde a apertura dos colexios, con adiantos informativos ao longo do día e unha edición especial do ‘Telexornal’.

Na Radio Galega, o seguimento electoral comezará co ‘Galicia por diante’ e continuará nos boletíns informativos e en ‘A crónica’. Ao longo da tarde, a emisora actualizará os datos de participación e, ao peche dos colexios, ofrecerá un adianto coa enquisa de Sigma Dos para a CSAG antes do especial informativo (20:20 h), presentado por Luís Ojea e Celia Rúa. Na análise participarán, entre outros, José Julio Fernández, catedrático de Dereito Constitucional, e Paloma Castro, profesora de Ciencia Política.

Pola súa parte, o portal dos servizos informativos g24.gal ofrecerá un seguimento permanente da xornada, desde a apertura dos colexios. A medida que avance o escrutinio, o público poderá consultar no visualizador os datos de cada concello e cada provincia, así como os resultados agregados de Galicia e do conxunto do Estado, e comparalos cos das anteriores eleccións equivalentes.

A web permitirá tamén seguir en directo todas as comparecencias da noite electoral, tanto nas sedes autonómicas coma nas nacionais, das distintas formacións políticas. Tamén, toda a información da xornada, en directo, en AGalega.gal.

Ficha técnica da enquisa

* Empresa responsable: Sigma Dos.
* Obxecto: estimación de votos e escanos nas eleccións xerais do 29 de novembro de 2026.
* Ámbito e universo: poboación de 18 ou máis anos residente no Estado español con dereito a voto.
* Mostra: 19.500 entrevistas no conxunto do Estado, das que 1.400 corresponden a Galicia: 400 na Coruña, 300 en Lugo, 300 en Ourense e 400 en Pontevedra.
* Traballo de campo: do 13 ao 28 de novembro de 2026.
* Método: enquisa continua mediante entrevistas telefónicas asistidas por ordenador (CATI), con chamadas a teléfonos fixos e móbiles.
* Mostraxe: aleatoria estratificada por hábitat en cada provincia, con cotas de sexo e idade.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade