Os partidos apuran a pedir o voto nos últimos actos de peche de campaña
Feijóo pecha campaña en Sevilla e Sánchez e Colau en Madrid
Ourense, Lugo, Santiago e A Coruña son as cidades escollidas polos líderes dos partidos en Galicia para o peche da campaña
EFE
Tras quince días, a campaña electoral para as eleccións do 29N remata este venres, despois de actos, mitins, debates e entrevistas por toda España. A última xornada chegou marcada pola resaca do debate a catro celebrado este xoves e polos últimos chamamentos ao voto dos principais candidatos.
Pedro Sánchez pecha a campaña en Madrid, cun mitin no recinto da caixa máxica.
EFE
Sevilla é o lugar escollido polo Partido Popular para poñerlle o ramo á campaña. Alberto Núñez Feijóo está acompañado na capital andaluza polo presidente da Junta, Juanma Moreno.
Ada Colau, candidata da Fronte Ampla, tamén pecha a campaña na capital española.
Peche de campaña dos partidos en Galicia
En Galicia, os principais partidos taména afrontaron unha intensa xornada de peche, con actos repartidos polas catro provincias. O PPdeG, co seu líder Alfonso Rueda á cabeza, celebrou dous mitins: o primeiro na Coruña e o segundo en Ourense, como escenario do peche definitivo da campaña galega.
O secretario xeral do PSdeG José Ramón Gómez Besteiro desprazouse por tres provincias antes de protagonizar o mitin final en Lugo, cidade na que reside. A súa axenda comezou en Cuntis, cun repartimento de propaganda electoral, e continuou no campus da Xunqueira, en Pontevedra e no Mercado de Abastos de Santiago.
O BNG concentrou a súa última xornada en Santiago de Compostela. A portavoz nacional Ana Pontón participou pola mañá nunha fotografía de familia cos candidatos e militantes na praza do Obradoiro, mentres que o Auditorio de Galicia foi o lugar escollido para o mitin de peche con Ana Pontón, a alcaldesa compostelá Goretti Sanmartín e os cabezas de lista das catro provincias: Néstor Rego, Carme da Silva, Olalla Rodil e Noa Presas.
Pola súa banda, a Fronte Ampla pechou a campaña galega na Coruña cun mitin no que participaron o portavoz da formación Paulo Carlos López e os candidatos Xosé Lois Piñeiro, Rocío Núñez, Trinidad Palacios e Sara Puga. Antes, pola mañá, Paulo Carlos López e Rocío Núñez realizaron o último repartimento de propaganda electoral na zona da Fonte dos Surfistas.