A TVG arranca nova temporada informativa cun obxectivo: contarlles Galicia á Galega
Ás caras máis recoñecidas da TVG sumaranse novas incorporacións e formatos renovados
A Televisión de Galicia arranca unha nova temporada o próximo luns. Ás caras de sempre sumaranse novas incorporacións e formatos renovados. Todos eles traballando cun obxectivo común: contarlles Galicia á Galega.
A Televisión de Galicia ponse de gala para estrear a nova temporada informativa. E faino cun Bos días renovado, con María Cheda á fronte.
"Desde primeira hora estaremos pegados ao territorio para amosarlles como espertan todos os recunchos de Galicia".
Na franxa central do día, o Galicia noticias e o Telexornal irán máis da man ca nunca. Pola noite, unha lectura máis repousada, e na fin de semana, máis desenfadada.
"Galicia vai estar no centro, con máis territorio e atendendo cada parroquia, desde as dúas menos cinco ata as tres e cinco da tarde, con máis actualidade galega, máis contexto e máis atención a todo o que acontece aquí de cerca. E desde as nove da noite repasamos toda a xornada e achegamos as claves para entender o que pasa. De luns a domingo, porque todo o que acontece en Galicia tamén cho contamos aquí na fin de semana".
Aposta por reforzar a información deportiva con En xogo
O deporte refórzase baixo unha marca mítica, En xogo, ao longo de toda a semana.
"Se hai un equipo galego en xogo, estaremos con el para contarvos cada historia e cada partido. E tamén reforzamos a nosa aposta polo fútbol e polo baloncesto nas retransmisións da fin de semana. Porque, de luns a domingo, vivimos contigo toda a emoción do deporte galego".
E tampouco faltará O tempo. Xunto á previsión diaria regresará o sábado e o domingo Atmosféricos. Todo isto, sen esquecer a cultura, co ZigZag de sempre.
Unha nova temporada, mellor, á Galega.
