Galicia rexistra 26 mortes por afogamento no primeiro semestre e suma vítimas no verán
A finais de maio morreu un mozo tras saltar dunha ponte ao río Verdugo, en Soutomaior, nun caso similar ao ocorrido este xoves en Catoira
Ao longo do verán xa houbo varios afogamentos e rescates en praias galegas
O caso do mozo afogado en Catoira aseméllase moito ao que ocorreu o pasado mes de maio no río Verdugo. Daquela, morreu un mozo tras saltar á auga desde unha ponte cunha amiga, que saíu polo seu propio pé. Foi ela a que lles contou ás forzas de seguridade o que pasara.
"Unha vez que chegamos ao lugar, falamos coa parella do rapaz, que é a persoa que saltou con el, e dixo que saltaran os dous xuntos e que el non ascendera", contaba Gonzalo Panadero, tenente da Garda Civil.
Entón, puxeron en marcha o operativo para buscar o mozo. Utilizaron un dron submarino da Garda Civil, que se uniu aos mergulladores para inspeccionar a zona. Finalmente, atoparon o cadáver a unha profundidade de sete metros.
E hai máis vítimas. Este xoves tamén faleceu un home de 78 anos mentres se bañaba na praia da Lanzada. Ademais, o día nove deste mes morreu un madrileño de 67 anos no areal da Rapadoira, en Foz. O seu corpo apareceu aboiando nunha zona próxima ao espigón.
"Varios usuarios da praia que estaban nese momento preto sacárono fóra. Parece ser que intentaron reanimalo, cando chegaron os servizos de emerxencias seguiron, pero non se puido facer nada pola súa vida", relataba Bárbara Ramos, de Protección Civil de Foz.
No mes de xuño faleceron un home de 72 anos na praia Xardín, en Boiro, e outro de 76 no areal de Santa Marta, en Baiona.
"Os bañistas que estaban arredor percibiron que o home estaba aboiando na auga á altura da cintura. Non había moita profundidade, pero estaba xa aboiando", dicía Plácido Viéitez, xefe da Policía Local de Baiona.
Este ano está a ser especialmente tráxico. Segundo o informe nacional de afogamentos, no primeiro semestre morreron 26 persoas por esta causa en espazos acuáticos de Galicia. E o verán segue a sumar vítimas. Os servizos de socorrismo advirten da necesidade de respectar as sinalizacións, evitar baños solitarios ou en zonas non vixiadas; en definitiva, extremar as precaucións nas zonas de baño.