Morre un home de 78 anos tras ser rescatado inconsciente na praia da Lanzada, no Grove
A vítima faleceu no propio areal a pesar de que lle realizaron manobras de reanimación

Un home de 78 anos faleceu esta mañá na praia da Lanzada, no concello do Grove, logo de ser rescatado do mar inconsciente.
O aviso aos servizos de emerxencia dérono contra ás 12:40 deste xoves. Decontado mobilizouse un helicóptero medicalizado con base en Ourense e tamén persoal do 061, amais dos socorristas que estaban na propia praia.
No propio areal practicáronlle manobras de reanimación, pero finalmente só puideron confirmar o seu falecemento.
O alcalde do Grove, José Cacabelos, trasladou o seu pesar polo falecemento deste bañista que, segundo explicou, era avogado de profesión e natural de Lugo.
"Estaba a nadar cun compañeiro que foi o que advertiu que parou no mar", detallou o rexedor, que indicou que cando a xente que se bañaba preto levouno á beira foi atendido polos socorristas da praia "que estaban a abrir o posto".
A súa recuperación foi "totalmente imposible", defendeu Cacabelos, que asegurou que aínda non se coñecen as causas exactas do falecemento desta persoa.
O alcalde lamentou que este ano estea a ser "bastante activo" con respecto ao perigo do mar, xa que lembrou que outras tres persoas tiveron que ser rescatadas nas últimas semanas polas correntes que hai na praia da Lanzada.
"Hai que ter moito coidado con elas", advertiu José Cacabelos, que pediu aos usuarios das praias que "extremen a precaución e teñan coidado" cando se bañen.