Dous bañistas afogados en Nigrán en menos de 24 horas
O falecido este domingo fora rescatado en parada cardiorespiratoria polo helicóptero Pesca 1
Rescatadas catro persoas que non eran capaces de sair do mar na praia de Carnota
Fin de semana tráxica en Nigrán, con dous afogamentos de bañistas. Este domingo perdía a vida un veciño de Ourense cando, ao parecer, trataba de cruzar a nado desde a zona do cámping a Ladeira ata Monte Lourido.
Os seus acompañantes foron os que deron a voz de alarma logo de levar moito tempo sen saber nada del e de tentar localizalo, tanto por terra como por mar. Dixeron que o perderan de vista cando nadaba pola desembocadura do Miñor, nunha zona limítrofe entre os concellos de Nigrán e Baiona.
Foi finalmente rescatado en parada cardiorespiratoria polos servizos de emerxencias, e evacuado no helicóptero Pesca 1 o Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo. Durante o traslado practicáronlle manobras de reanimación.
Este falecemento únese o que se rexistrou a última hora do sábado en Praia América, onde outro bañista perdeu a vida pouco despois de ser rescatado no mar.
Rescate en Carnota
Nesta xornada de calor, as ateigadas praias galegas viviron outro episodio de risco. O GES de Muros tivo que intervir na praia de Carnota, rescatando catro bañistas en apuros.
Pouco despois das 17:45 horas, o 112 Galicia recibiu o aviso dun particular que alertaba da presenza dun home e unha muller en dificultades na auga. Segundo relatou, inicialmente estaban acompañados por un menor, que conseguiu saír polos seus propios medios. Durante a chamada, indicou que ambas persoas pedían auxilio e que o mar presentaba unha forte ondada.
Minutos despois, a muller logrou saír da auga, mentres que o home seguía loitando contra a corrente. Varias persoas que se atopaban na praia, entre elas bañistas e surfistas, entraron no mar para axudalo.
O 112 Galicia informou de inmediato a Salvamento Marítimo, ao Servizo de Gardacostas de Galicia, á Garda Civil, ao GES de Muros e aos voluntarios de Protección Civil de Carnota. Salvamento Marítimo chegou a mobilizar unha embarcación de rescate e o helicóptero Pesca I, de Gardacostas de Galicia, aínda que finalmente non foi necesaria a súa intervención.
Entre os efectivos do GES e os propios bañistas e surfistas lograron rescatar ás persoas que se atopaban na auga, e o home que experimentara dificultades desde un primeiro momento tivo que recibir asistencia sanitaria.