Morre un home no Saviñao atrapado debaixo do seu tractor
Trátase dun home de 64 anos, veciño da localidade, que levaba un tractor sen cabina
Os bombeiros de Chantada ocupáronse de liberar o corpo no lugar do suceso
O servizo de emerxencias 112 de Galicia confirmou o falecemento dun home de 64 anos, veciño do Saviñao, que foi atopado na noite deste xoves debaixo do seu tractor nunha zona de difícil acceso no lugar de Morgade.
Foi un familiar do falecido quen alertou sobre as 22:10 horas ao 112 Galicia de que acababa de atopar ao implicado debaixo dun tractor nunha leira de Morgade, na parroquia de Seteventos, informou a Axencia Galega de Emerxencias (Axega) na súa páxina web.
O vehículo estaba situado nunha zona de difícil acceso e o propio familiar apuntou desde un primeiro momento que a persoa podía estar falecida. Os bombeiros de Chantada foron os encargados de liberar o corpo.
"As operacións foron bastante laboriosas, porque o terreo era complicado para acceder e levar material. O fillo da persoa falecida prestouse a cooperar con outro tractor, enganchalo cunha cincha e ilo incorporando. Nós, a través de pontais e tacos, fómolo calzando para que non cedera, e así puidemos extraer a vítima de debaixo do tractor", relata Vicente Simón, sarxento do parque de bombeiros chantadino.
Ao lugar acudiron efectivos de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, Garda Civil, Bombeiros de Chantada e Protección Civil do Saviñao, quen minutos antes da medianoite lograron rescatar o afectado, que xa levaba horas falecido nese momento.
A Garda Civil investiga as circunstancias que rodean ao suceso polo que o tractor rematou nesa situación.