Publicador de contidos

Publicador de contidos

O informe sobre o accidente no que morreu o piloto vigués conclúe que o paracaídas non se activou automaticamente

O informe sobre o accidente no que morreu o piloto vigués conclúe que o paracaídas non se activou automaticamente

O aviador aplicou os procedementos “adecuados” para abrir o paracaídas manualmente, pero non tiña activado o sistema de apertura automática

G24.gal 13/10/2025 21:16

A Forza Aérea de Portugal publicou un informe sobre o accidente ocorrido en xuño do ano pasado no que faleceu o piloto galego Manuel Rey Cordeiro, de 62 anos.

O documento sinala que o aviador aplicou os procedementos “adecuados” para abrir o paracaídas manualmente, pero ese día non tiña activado o sistema de apertura automática.

Sen sistema automático de apertura

O informe menciona un dispositivo denominado “liña de vida”, unha conexión física entre a aeronave e o paracaídas que permite o seu accionamento automático “sen intervención do piloto”. Segundo os investigadores, o uso deste mecanismo podería ter activado o paracaídas “1,1 segundos antes, a unha altura superior en 45 metros”, o que aumentaría as posibilidades de apertura completa e de supervivencia.

“Na análise do lugar da caída atopouse o paracaídas completamente extraído, pero sen evidencias da súa apertura”, indica o documento, que engade que o paracaídas de Manuel Rey “non estaba equipado con este tipo de mecanismo”, só co de “apertura manual”.

Os equipos de rescate atopárono no lugar do accidente atado aos cordóns do paracaídas e xa sen vida.

Sen fallos materiais no avión

Ao longo das súas 82 páxinas, o expediente do Gabinete de Investigación de Accidentes Aéreos e Ferroviarios (GPIAAF) descarta defectos mecánicos e atribúe o sinistro a unha colisión mentres o piloto tentaba retomar a formación de voo.

O aviador vigués participaba xunto a outros cinco pilotos nunha exhibición o 3 de xuño de 2024 na Base Aérea número 11, na cidade portuguesa de Beja, cando o seu avión se estrelou tras un choque no aire. Rey formaba parte do grupo acrobático Yakstars, integrado por seis pilotos —catro españois e dous portugueses—, un dos cales resultou ferido no accidente.

Choque na penúltima manobra

Segundo o informe, a demostración desenvolvíase “sen anomalías” ata a penúltima manobra, coñecida como 'Yaker Pass'. Nese momento, a aeronave YAK-04 pilotada por Manuel Rey colidiu co avión YAK-03 dun compañeiro, sufrindo danos “catastróficos”.

O documento tamén confirma que non se coñecían antecedentes médicos do piloto nin se detectaron alteracións toxicolóxicas.

A causa da morte foi un politraumatismo, é dicir, múltiples lesións graves.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade