Publicador de contidos

Publicador de contidos

Pantalla xigante e retransmisión por Internet: novos xeitos de celebrar enterros e funerais

Pantalla xigante e retransmisión por Internet: novos xeitos de celebrar enterros e funerais

As empresas funerarias ofrecen cada vez máis servizos que rompen coa tradición

A música, os discursos ou os brindes están presentes xa en moitas cerimonias

G24.gal 13/10/2025 15:14

As exequias, como os tempos, cambian. As empresas funerarias están incorporando en Galicia novas tendencias na organización dos funerais e despedidas de seres queridos. A tradición foise abrindo, primeiro, coa celebración de cerimonias civís, que se xa ofrecen na maioría dos tanatorios.

Ademais, en moitos casos hai música -mesmo en directo-, poden darse discursos, facer un brinde ou proxectar imaxes dos defuntos.

Un dos maiores saltos chegou coa tecnoloxía. Hoxe xa é posible seguir unha despedida nunha pantalla xigante, se a igrexa queda pequena, ou a milleiros de quilómetros de distancia, porque varias empresas ofrecen a transmisión por Internet, tanto de funerais como de enterros.

"Podes xuntar o tradicional co moderno. A moita xente, cando lle das a opción, gústalle a idea de mesturar o de antes co novo", asegura Alberto Gianzo, xerente en Pontevedra do grupo funerario Albia.

"Eu quero facer isto no meu enterro. Esa é a expresión que máis salta ao saír dun acto dos nosos", relata Juan Perdiz, da histórica funeraria San Marcos.

Os cambios chegan tamén aos tanatorios. O do grupo Albia en Pontevedra conta cun túmulo catalán, unha vitrina para albergar o corpo da persoa falecida durante o velorio e así permitir que os asistentes estean, e se sintan, máis preto dela.

Tamén en Pontevedra, a veterana San Marcos ofrece unha ampla gama de xoias para conservar as cinsas dun ser querido e tamén entregan a semente dun arbusto que se pode plantar para manter aínda máis vivo o seu recordo. 

En Galicia a maioría das familias segue a preferir o enterro tradicional, pero as incineracións van aumentando e xa supoñen arredor do trinta por cento dos casos. Un enterro medio custa uns catro mil euros. 

Para todos os gustos

As empresas intentan ofrecer opcións que poidan satisfacer os distintos clientes. Algúns queren algo máis íntimo, outros atrévense con experiencias diferentes. As novas xeracións, din no sector, ábrense a organizar cerimonias fóra do tradicional.

"Nós intentamos evolucionar dando servizos fóra do que se viña dando", explica Juan Perdiz, de San Marcos de Pontevedra. "Queremos acompañalo dunha prestación diferente. Haberá xente á que non lle guste pero realmente o encaixe está no 99,9 por cento".

Tradición e modernidade

Música, algo de xantar ou a retransmisión por Internet xa son opcións reais que ofrecen algunhas das funerarias que traballan en Galicia. As familias están recuperando a idea de converter a despedida dun ser querido nunha pequena festa, cando as circunstancias o permiten.

En parte, pode ser influencia do estranxeiro pero os profesionais cren que tamén é algo que ten moito que ver coa nosa propia tradición.

"O noso lema é máis ben 'Celebra a vida', que a a última despedida sexa unha pequena celebración", conta o xerente de Albia en Pontevedra, Alberto Gianzo.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade