Morre un veciño de Xermade ao atragoarse cando comía polbo en Vilalba
A vítima é un home de 77 anos que estaba comendo nun restaurante de Vilalba canda o seu fillo
Os primeiros en chegar ao lugar para socorrer a vítima foron dous técnicos da Cruz Vermella de Vilalba que estaban fóra de servizo
Os servizos médicos do centro de saúde practicáronlle manobras de reanimación cardiopulmonar, pero xa nada puideron facer pola súa vida

Un veciño de Xermade morreu este domingo cando estaba comendo co seu fillo nun restaurante de Vilalba. A vítima, de 77 anos, sufriu un atragoamento cando comía unha ración de polbo nun restaurante da rúa Galicia.
Cando comía, o home sentiuse mal e os primeiros indicios parecían indicar que se atragoara cun anaco de comida, preto das tres da tarde.
Axiña avisaron o 061, pero nese momento non había ningunha ambulancia libre en Vilalba, estaba noutras emerxencias. Daquela o 061 avisou a Cruz Vermella, segundo relatan os membros desta institución, que foron os primeiros en chegar ao lugar do accidente.
Estes dous técnicos da Cruz Vermella, que estaban fóra de servizo e de ocio pola capital chairega, comezaron as manobras de reanimación, ás que posteriormente se sumaron membros do PAC do centro de saúde de Vilalba, pero xa nada puideron facer pola súa vida.
Ata o local, para atender a vítima tamén se desprazaron membros de Protección Civil, da Garda Civil e unha ambulancia con base nas Pontes.
Tamén se mobilizou un helicóptero do 061, que aterrou preto do cento de saúde, pero xa non foi posible a súa intervención porque o home xa falecera.