Cinco policías salvan unha muller que se atragoara cun churro en Pontevedra
A muller, de 86 anos e en cadeira de rodas, estaba ao bordo da asfixia
Os axentes estaban na mesma cafetería e fixéronlle a manobra de Heimlich
A muller, de 86 anos, está merendando coa súa filla cando un anaco de churro a deixa ao bordo da asfixia. Impotente, a filla comeza a pedir auxilio, e a casualidade quere que cinco axentes da policía estean no local a acudan ao rescate.
"Cando se achegaron á mesa xa viron que a muller tiña cor azul cianótico, que tiña claros síntomas de atragoamento e procederon a facerlle a manobra de Heimlich", explica Pablo Cuñarro, voceiro do sindicato policial JUPOL.
Levantárona a pulso da cadeira de rodas e un dos axentes, formado en primeiros auxilios, practicoulle unha manobra de rescate que toda a cidadanía debería coñecer.
"A manobra consiste en coller dende atrás a vítima, poñer un puño pechado no baixo esternón e apertalo con forza coa outra man. Despois hai que dar golpes fortes e secos ata que sae o alimento que lle obstrúe as vías respiratorias".
Os que presenciaron o incidente, aínda co susto no corpo, falan de milagre.
"Foron moi rápidos, profesionais e cariñosos. Foi un milagre. A ambulancia, por moi rápido que viñera, non daría chegado a tempo", comenta Bruna González, a dona da Cafetería Bloom Pontevedra.
Malia que a muller recuperou a respiración, no momento foi trasladada en ambulancia ao hospital de Pontevedra para unha avaliación completa. Por sorte, non houbo lesións.
"Sabemos que está ben e que a filla agradeceu moito o labor das axentes, e eles tamén encantados de poderen axudar", conclúe o voceiro.
Un enorme susto con heroes e final feliz, recollido para a posteridade polas cámaras de seguridade desta céntrica cafetería pontevedresa.