Publicador de contidos

Publicador de contidos

Pais que aprenden a resolver o atragoamento do seu bebé cun curso de primeiros auxilios

Pais que aprenden a resolver o atragoamento do seu bebé cun curso de primeiros auxilios

Os monitores recomendan aos pais non perder a calma e chamar a emerxencias diante dun caso de atragoamento infantil

Os golpes nas omoplatas e as compresións torácicas ben aplicadas resolven a maior parte dos incidentes

Os cursos de primeiros auxilios dan aos pais confianza e maior experiencia no coidado dos meniños

G24.gal 23/05/2026 19:20

Segundo os datos máis recentes o atragoamento é unha das principais causas de morte accidental. Afecta sobre todo as persoas maiores de 65 anos, pero tamén aos nenos pequenos. Por iso moitos pais, especialmente os máis novos, recorren á cursos de primeiros auxilios para saber que facer nese transo.

"O curso parécenos útil agora que o bebé vai empezar coa alimentación complementaria, pois saber reaccionar se pasa o que queremos que non pase: que se atragoe ou algunha outra complicación", comenta David Montero, un dos pais asistentes ás actividades de formación.

No curso os monitores insisten en que no caso de atragoamento dun meniño o principal é manter a calma.

"Saber identificar unha situación de emerxencia, saber actuar diante dela e tamén, cando non sabemos resolvela, saber como pedir axuda. Porque semella algo sinxelo, pero cando un está nervioso non é tan doado de xestionar", matiza Paula Fontela, doutora e encargada dun curso para os pais.

Identificada a situación cómpre executar unhas manobras sinxelas, xa que aos catro minutos sen recibir osíxeno o bebé podería sufrir unha parada cardiorrespiratoria con secuelas incertas.

"En meniños menores dun ano imos darlle cinco golpes co talón da man, entre as dúas omoplatas. Cinco golpes secos, un por segundo, e despois volteámolo e imos facer cinco compresións torácicas, cos dous polgares no peito, uns catro ou cinco centímetros de fondo", describe a doutora Fontenla.

Por sorte, a maioría destas situacións resólvense expulsando o obstáculo respiratorio, mais con estes cursos os pais adquiren experiencia e confianza. 

"Espero non ter que practicar, pero penso que si sabería reaccionar", confía David Montero. 

En todo caso, cómpre chamar aos servizos de emerxencias sanitarias, o 061, que poderán dirixir a actuación dos pais na procura dunha solución sen consecuencias graves.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade