Publicador de contidos

Publicador de contidos

Deporte urbano e adrenalina no festival GRAVITEO da Coruña

Deporte urbano e adrenalina no festival GRAVITEO da Coruña

A cita reúne no paseo do Parrote algúns dos mellores especialistas en parkour e en escalada deportiva

G24.gal 19/09/2026 20:42 Última actualización 19/09/2026 21:19

Saltos imposibles, velocidade e moita adrenalina. O parkour compite en espectacularidade coa escalada deportiva en Graviteo, un festival de deportes urbanos que esta fin de semana reúne na Coruña algúns dos mellores especialistas de Europa.

A escalada de velocidade é un duelo directo contra o reloxo e contra o rival, un ascenso explosivo sobre unha parede vertical de quince metros cun gañador que se decide por décimas de segundo. Outra modalidade, a de bloque, esixe forza, técnica, equilibrio e control.

"O deportista, ademais da forza no tren superior que esixe a escalada tradicional, ten que ter moita tensión corporal e usar moi ben os pés e as pernas", di Fausto Blanco, vogal de escalada na Federación Galega de Montañismo.

A escalada deportiva é olímpica desde os Xogos de Tokyo de 2021. Aspira ao mesmo recoñecemento o parkour: saltos, xiros e acrobacias para superar obstáculos de forma eficiente e creativa.

"É un deporte libre, que está na rúa. Fainos moi felices e o que máis me gusta é o compañeirismo e a comunidade que hai", explica Stefanny Navarro, subcampioa do mundo en 2022.

"Cada un ten a súa forma de adestrarse. Hai xente á que lle gusa facer un 'parkour' máis fluído, outra que prefire facer máis acrobacias... É un deporte que permite un grao de liberdade moi grande", comenta Pablo Pérez, que leva máis de vinte anos practicando 'parkour'.

Graviteo continúa este domingo coas finais do campionato de España de parkour e con talleres para captar novos adictos á adrenalina da escalada e dos deportes urbanos.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade