Os atragoamentos protagonizan a noite de fin de ano
A Noitevella é un dos días do ano con maior risco de atragoamentos
Tusir, facer a manobra de Heimlich e chamar a emerxencias se é necesario son algúns dos consellos que dan os expertos para evitar comezar o ano novo en urxencias
Para comer as 12 uvas cada un ten os seus pequenos trucos, coma escoller as uvas máis pequenas ou quitarlles a pel e as sementes: "Queres acabar as baladadas e non es capaz". "Hai quen fai trampa e ponnos máis uvas das que son", afirman dúas persoas.
Pero esta tradición de Noitevella ten os seus riscos,pois na última noite do ano aumentan os riscos de atragoamento, e tanto na cea como no momento de tomar as uvas aumentan as posibilidades de que se produza este incidente.
Os expertos dannos consellos para que un momento de alegría non se converta nunha emerxencia grave: "Un susto deses, de que me atragoo e xa teño que botalas para fóra porque non podo coa risa, non aguanto", comenta unha muller na rúa.
No mercado hai diferentes aparellos para actuar en caso de asfixia por atragoamento, pero a evidencia científica recomenda a manobra de Heimlich: "A día de hoxe comercialízanse diferentes aparellos para desobstruír a vía aérea, pero a evidencia científica, insisto, di que a mellor manobra é a manobra de Heimlich", asegura o catedrático da UVigo experto en socorrismo Roberto Barcala.
En caso de atragoamento, o máis importante é animar a tusir a vítima, pero se non son capaces de tusir, Barcala ensínanos como actuar: "Primeiro, cinco golpes, imos colocar a nosa man por riba do embigo, a outra man abrazando o noso puño, e imos facer cinco compresións profundas para axudar a que ese corpo estraño saia e, recorden, tamén deben chamar os servizos de emerxencias".
Se non funciona a manobra de Heimlich e a persoa queda inconsciente, cómpre facer compresións de reanimación cardiopulmonar e chamar a emerxencias.
"Hai que estar preparado para intentar axudar",di un veciño.
E, como non queremos sustos, lembren: mastigar amodiño e comezar ben o ano.