Publicador de contidos

Publicador de contidos

Un taxista da Coruña deixa o traballo no sector tras sufrir un asalto violento

Un taxista da Coruña deixa o traballo no sector tras sufrir un asalto violento

Segunda agresión nunha semana; esta, con consecuencias drásticas polas secuelas psicolóxicas

O cliente colleuno dende atrás polo pescozo para sacarlle a carteira, que finalmente deixou no taxi

G24.gal 17/04/2026 14:44 Última actualización 17/04/2026 14:59

Unha e non máis, coma Santo Tomás.

"Eu levaba tres anos e medio no taxi e a experiencia do outro día non a quero volver ter e como non a quero volver ter, que pensei que me mataba, deixeino", confesa o agredido, que esconde a cara pero non o nome, David Louro.

Co medo aínda no corpo, deixa o taxi. 

"A sensación que tiven outro día, buffff, non lla desexo a ninguén. Pensei que morría. A sensación de que che estean esganando por detrás, sen poder facer nada", engade.

Non pode conter a emoción. Leva dous días e dúas noites, revivindo ese momento. Foron dez minutos de carreira escasos. O cliente parouno uns metros antes da dirección que lle dixera.

"Xusto paro o taxi e dígolle 7,20 e cando lle digo 7,20, noto que coas dúas mans me fai un mataleón. Eu quedei case sen respiración e díxome que lle dera todo o que tiña e a miña reacción foi soltar o cinto", relata David.

Esa reacción valeulle a vida.

"Con esa mesma man, deille a carteira e xusto o rapaz soltou unha man do pescozo e nese momento abrín a porta, saín do coche e pedín axuda", explica.  

Ten experiencia na noite, pero en ningún momento desconfiou do cliente.

"Ía vestido normal, cun chándal, un polo. Eu teño levado xente bastante peor, de noite", describe a vítima.

A policía sabe a quen busca porque quedou retratado nas cámaras que levan no coche. É unha das medidas de seguridade coas que contan e pouco máis.

"É unha medida complementaria porque loxicamente nun habitáculo pechado a persoa que vai facer estes actos senta na parte traseira e nunca sabemos a intención coa que veñen", lamenta Ricardo Vilamisar, presidente da Federación Local de Autotaxi.

Non é a primeira agresión que hai na Coruña no que vai de ano. Tampouco en Vigo, onde hai uns días unha taxista recibiu un corte na cara. Para que? Sempre para o mesmo: algo de carto fácil.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade