Rouban cable de cobre en Cangas e deixan sen luz o acceso a Autovía do Morrazo
Os ladróns levaron 300 metros de material forzando a tapa do rexistro dos farois
Os técnicos pechan con bridas as tapas de ferro porque xa non hai repostos
Eran as dúas da madrugada cando o acceso á autovía do Morrazo quedaba a escuras. O sistema dixital que controla a iluminación pública en Cangas detectou un fallo no sistema. E tanto, porque roubaran 300 metros de cable de cobre entre as rotondas da Rúa e a do Gordo. A meirande parte dos veciños nin se decatou. Como comenta unha muller, que se decatou de que faltaban ou estaban abertas as tapas do canleado dos farois, pero non sabía o motivo.
O modus operandi dos ladróns xa é coñecido: forzan a tapa do rexistro dos farois, fan un corte ao cable e átano á furgoneta, que o vai arrastrando mentres unha persoa o recolle rapidamente. Así levaron 300 metros de cable, un botín que no mercado negro pode superar os 40.000 euros.
Danos cuantiosos tamén para o Concello de Cangas; non só tiveron que repoñer o cable, tamén terán que levantar as beirarrúas para recanalizar o cable. Outra veciña fala de "auténtico vandalismo".
Moitos farois da vila están atados con bridas porque tamén están a roubar as chapas de ferro, das que apenas hai repostos. Os veciños alertan tamén do perigo que entrañan estas accións vandálicas, que poden causar accidentes ao dar un traspés pola falla de iluminación.
O roubo de cable de cobre, que se cotiza a case seis euros e medio o quilo, está a multiplicarse. No Morrazo non esquecen os do campo de fútbol do Baía ou na antiga fábrica de Massó. Ou como falsos empregados de Teléfonica apañaron canleado aéreo de Darbo a Aldán.