'Pickeros' e falsos peregrinos fan a súa propia festa aproveitando os descoidos
Advirten do aumento de furtos de carteiras e móbiles nas aglomeracións
Recomendan non levar as pertenzas no peto de atrás, nin perdelas de vista, na mesa ou no chan
Unha turista portuguesa atravesa o Obradoiro co bolso aberto! Que obxectivo tan fácil en plenas festas do Apóstolo. De feito, un amigo a modo de broma sácalle a carteira sen que ela se decate.
"Foi un descoido meu de levar a carteira aberta nun sitio no que hai moita xente. Hoxe vouna levar máis agarradiña", confesa.
"Aproveitan esas aglomeracións, como as desta noite cos Fogos, empézanse a arrimar á xente e os 'pickeros' que se chaman, son capaces de sacar a carteira con dous dedos", advirte Santiago Reboiras, Inspector xefe e xefe de Seguridade Cidadá da Policía Nacional en Santiago.
Están os pickeros e están os falsos peregrinos.
"Veñen dous, un dáche cháchara e o outro por detrás mángate. Deses hai moitos", conta unha vendedora.
Ela, que leva anos na praza da Quintana, distíngueos ao lonxe.
"Polas zapatillas, que as levan limpas", engade.
Ollo con esta outra modalidade, algo máis sofisticada.
"O furto do amor, que vén alguén e te abraza. Aproveitan nesa aperta para levar un colar de ouro", destaca o xefe de Seguridade Cidadá.
Son os furtos máis comúns, os que aproveitan cada despiste.
"Precisamente o do móbil, que sentes que te tocan e no momento no que botas a man, daste conta de que unha persoa tentaba levalo".
"Eu son moi despreocupada co bolso. Vou con el aberto, co móbil no peto,..., nunca me lembro. Ás veces, teño que mirar onde deixei as cousas"
"Cando veñen as rapazas co móbil no peto de atrás, dígolles que o garden porque sei o que hai"
Evitalos é cuestión de sentido común, pero hai que ver como nos relaxamos, máis aínda estando de vacacións.
"Deixas o teléfono móbil enriba dunha mesa, a carteira no peto de atrás, ... Se temos un bolso hai que levalo para diante e por as mans enriba e ter coidado de non deixar nada no chan", recomenda o inspector Santiago Reboiras.
Non é tanto o que levan coma a carraxe que deixan. Cambio de tarxetas, de documentación e un recordo amargo do que se prevía como un momento de festa.
Esta noite, nos fogos, lembren: ollos no ceo e carteira e móbil a bo recaudo.