Publicador de contidos

Publicador de contidos

Detidos os supostos autores de polo menos 5 roubos con violencia a mulleres maiores na Coruña

Detidos os supostos autores de polo menos 5 roubos con violencia a mulleres maiores na Coruña

Os detidos foron postos á disposición xudicial, e acordouse o ingreso en prisión de ambos

A Policía logrou recuperar parte das xoias roubadas, que xa foron devoltas ás súas propietarias, e certa cantidade de diñeiro, produto da venda doutras alfaias subtraídas

G24.gal 11/06/2026 11:00

Axentes da Policía Nacional da Comisaría da Coruña detiveron dous homes como presuntos autores de polo menos 5 roubos con violencia a mulleres maiores na cidade herculina.

Segundo informaron fontes policiais, aos sospeitosos atribúeselles o asalto a unha muller de 76 anos o pasado 28 de abril. Mentres un dos sospeitosos vixiaba, o outro accedeu a un portal da Avenida de Arteixo, onde estaba a vítima, agarrouna fortemente polo pescozo e arrincoulle unha cadea de ouro, provocando que a muller caese ao chan co tirón.

Uns días despois, outras dúas mulleres de avanzada idade foron vítimas dos sospeitosos, que as abordaron a plena luz do día na rúa Cabaleiro. Os individuos trataron de arrincarlles as cadeas de ouro que levaban ao pescozo, e conseguírono cunha das mulleres.

O pasado 1 de maio, outra muller octoxenaria foi abordada polos dous homes mentres esperaba o ascensor para subir á súa vivenda, na rúa Alcalde Marchesi. Nesa ocasión, tamén lle arrebataron a cadea que levaba e tirárona ao chan.

As investigacións policiais atribúen aos dous detidos outra roubo con violencia cometido o pasado 2 de febreiro, tras inmobilizar a outra muller octoxenaria na zona de Elviña, e as pescudas seguen en marcha ante a sospeita de que estes individuos puidesen estar implicados en máis roubos con violencia.

Segundo explicou a Policía, os sospeitosos facían seguimento das súas vítimas, mulleres maiores e, polo tanto, vulnerables, e esperaban o momento propicio para abordalas e arrebatarlles as xoias que levasen.

Os detidos foron postos ao dispor xudicial, e acordouse o ingreso en prisión de ambos. A Policía logrou recuperar parte das xoias roubadas, que xa foron devoltas ás súas propietarias, e certa cantidade de diñeiro, produto da venda doutras alfaias subtraídas.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade