Publicador de contidos

Publicador de contidos

Condenado a 5 anos de cadea un profesor de música de Lugo por abusar dunha alumna

Condenado a 5 anos de cadea un profesor de música de Lugo por abusar dunha alumna

O tribunal prohíbelle achegarse á vítima e inhabilítao para exercer calquera profesión que implique contacto con menores durante 10 anos 

Arquivo Arquivo
G24.gal 11/06/2026 12:38

A Audiencia Provincial de Lugo condenou a cinco anos de cárcere por un delito continuado de agresión sexual a un profesor de música do Colexio de Albeiros, na zona norte da capital lucense, por realizar tocamentos a unha das súas alumnas, menor de idade.

O tribunal inhabilítao para exercer calquera profesión, oficio ou actividade que implique o contacto con menores de idade durante 10 anos.

Ademais, prohíbelle achegarse á vítima ou comunicarse con ela durante dez anos e terá que indemnizala con 3.000 euros por danos morais.

A Audiencia non considera probado que o profesor abusase doutras catro alumnas do mesmo colexio que tamén presentaron denuncia contra el e cuxas familias exerceron a acusación particular contra el na vista oral. Por iso, absólveo de catro delitos continuados de agresión sexual a menores de 16 anos.

Un caso que se destapou en 2024

Este suposto caso de abusos sexuais no ámbito escolar foi destapado en maio de 2024, despois de que varias alumnas denunciasen que o profesor lles realizara tocamentos durante as clases de música nese colexio da zona norte de Lugo. Entón, o docente pasou cinco meses en prisión preventiva.

O profesor negou os feitos e atribuíu o ocorrido a unha "fabulación colectiva” por parte das menores. De feito, afirmou que nunca tocara a unha alumna “con connotacións sexuais”.

Con todo, o tribunal considera probado que nun dos casos o acusado realizou “diversos tocamentos” a unha das súas alumnas que provocaron na vítima “grande incomodidade, rexeitamento a acudir a clase". Tras escoitar a testemuño da menor, no ditame sinálase: “Non albergamos dúbida de que o acusado levou a cabo as accións descritas”, recalcan os xuíces.

A sala, en cambio, non consiera debidamente acreditado que outras catro menores sufrisen no curso escolar 2023/24 “tocamentos por parte do acusado nin que este despregase sobre as mesmas accións con significación sexual”.

Os maxistrados indican que con iso non queren dicir que as menores “falten á verdade, senón que a proba resulta insuficiente" para condenalo. 

A sentenza non é firme. É posible interpoñer recurso de apelación ante o TSXG.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade