Publicador de contidos

Publicador de contidos

Condenado a 433 anos de cadea por delitos sexuais contra 25 menores cos que xogaba en liña

Condenado a 433 anos de cadea por delitos sexuais contra 25 menores cos que xogaba en liña

Contactou con eles xogando, convenceunos logo para posaren espidos e chegou a cometer catorce abusos e mesmo unha violación

O condenado fora detido pola policía en Málaga (Europa Press-Arquivo) O condenado fora detido pola policía en Málaga (Europa Press-Arquivo)
G24.gal 18/07/2025 12:17

A Audiencia Provincial de Madrid condenou a 433 anos e once meses de prisión un home por múltiples delitos sexuais contra 24 nenos e unha nena, cos que contactou a través dun xogo en liña e os convenceu para posaren espidos, chegando a cometer catorce abusos e mesmo unha violación.

Nunha sentenza, a Audiencia impón a dita pena a A. M. V., de 45 anos, por un delito de agresión sexual con penetración a menor, catorce de abuso sexual, moitos de forma continuada, dezaoito de embaucamento ou sexting, sete de elaboración de pornografía infantil e trece de ciberacoso ou child grooming.

O tribunal impón ao acusado liberdade vixiada durante 10 anos unha vez que cumpra a pena de prisión, cuxo límite máximo está fixado en 20 anos.

Ademais, acorda que o acusado, de nacionalidade arxentina, sexa expulsado do territorio nacional cando cumpra as tres cuartas partes da condena ou acceda ao terceiro grao penal ou se lle conceda a liberdade condicionada, con prohibición de volver a España durante dez anos.

Indemnizacións

Así mesmo condénao a indemnizar o neno contra o que cometeu a agresión sexual con 20.000 euros e fixa outras indemnizacións para outras vítimas de 3.000 a 10.000 euros.

A Sala declara probado que o acusado, reincidente neste tipo de delitos, contactou durante o ano 2021 desde o seu domicilio de Málaga cos nenos a través dun videoxogo en liña ao que adoitan acceder menores de entre 7 e 11 anos.

Por videochamada

En concreto, contactou con menores de 13 anos, cos que ademais realizou videochamadas nas que lles pedía que lle mostrasen as súas partes íntimas, capturando as súas imaxes, que gardou nun cartafol que chamou Angelitos.

Un xulgado de Xetafe que comezou a investigación destes feitos ao recibir a primeira denuncia acordou o rexistro do domicilio do acusado, onde foron descubertos estes contidos delituosos nos seus dispositivos informáticos.

Tamén declara probado que no mes de agosto de 2021 o condenado coñeceu nunha praia nudista de Benalmádena (Málaga) un menor, que tiña 7 anos, e a súa nai, e desde o primeiro momento interactuou e xogou co neno mentres obtiña a confianza da muller.

Un dos días que coincidiron na praia, o condenado afastouse co menor e comezou a realizar actos sexuais con el.

Posteriormente, o 9 de setembro foi ao domicilio do menor e da súa nai, en Málaga, co pretexto de arranxar o computador da muller, xa que na praia lle dixo que era informático.

Dentro do domicilio e coa intención de quedar a soas co neno, pediulle á nai que fose comprar un pegamento especial e aproveitou para tirarlle fotos espido, sempre segundo a sentenza.

Como consecuencia destes feitos, o menor precisou de tratamento psicolóxico. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade