Morre un mozo de 27 anos nun accidente de tractor no Saviñao
O condutor perdeu o control do vehículo agrícola, que saíu da vía pola marxe dereita
O home, único ocupante do vehículo, caeu sobre a calzada tras o golpe e foi atropelado polo seu propio tractor
Un mozo de 27 anos foi atopado sen vida este martes pola tarde tirado ao pé da estrada LUP5804, no municipio do Saviñao, na provincia de Lugo, informou esta madrugada a Axencia de Emerxencias Galega (AXEGA).
O condutor perdeu o control do vehículo agrícola, que saíu da vía pola marxe dereita no punto quilométrico 2,3. O home e único ocupante do vehículo caeu sobre a calzada tras o golpe e foi atropelado polo seu propio tractor.
A persoa que atopou o home falecido chamou ao 112 Galicia para pedir asistencia urxente ao redor das 20:30 do martes. Os axentes da Garda Civil e os profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia desprazados ao lugar dos feitos confirmaron que nada podía facerse xa por salvar a vida do home, que estaba falecido.
Segundo as primeiras investigacións da Garda Civil de Tráfico, o hombre perdeu o control do tractor e saíu da vía, coa fatalidade de que foi bater coa estrutura de formigón que hai no acceso a unha leira. Suponse que o impacto foi o que fixo que o condutor saíra despedido do seu asento e acabara atropelado polo remolque do propio tractor, que neste caso é un apeiro que se emprega para esparexer o esterco.
A vítima é un mozo de 27 anos de nacionalidade uruguaia, que vivía coa sua familia en Monforte e traballaba nunha empresa agrícola do Incio. Onte encamiñábase cara a Rubián para ir a un taller mecánico.
Este é o segundo accidente mortal cun tractor que se rexistra no municipio do Saviñao en menos dun mes. A finais de agosto morreu un veciño deste concello ao envorcar o seu vehículo e quedar atrapado debaixo.