Galicia é terceira comunidade con menor espera para operarse
A media é de 73 días de espera para unha cirurxía, 48 días menos que a media nacional, 121
Galicia é a cuarta comunidade na espera para a primeira consulta cun especialista
"A valoración é positiva. Estes datos asumímolos con humildade. Sabemos que temos que mellorar", sinalou o conselleiro de Sanidade
O galego é o terceiro servizo de saúde autonómico con menor espera para unha cirurxía, cunha demora media de 73 días, e o cuarto para recibir a primeira consulta cun facultativo especialista, con 63 días de espera.
Así se desprende dos indicadores das listas de espera no Sistema Nacional de Saúde (SNS), correspondentes ao segundo semestre de 2025 ao 31 de decembro, publicados este mércores polo Ministerio de Sanidade.
A Xunta xa presentara os seus datos en conferencia de prensa o pasado 12 de marzo e só faltaba por coñecer o comparativo co resto de España. Desta forma, os datos estatais sitúan que en Galicia, a peche do pasado ano, había 49.554 persoas pendentes dunha intervención. A espera de media dos galegos é de 73 días para operarse, o cal supón 48 días menos que a media nacional, que se sitúa en 121 días.
Neste sentido, só son mellores os datos da Comunidade de Madrid (50 días) e o País Vasco (64 días). Así mesmo, en Galicia o 5,7 % dos pacientes teñen que esperar máis de seis meses por unha operación, a segunda mellor porcentaxe, só por detrás de Madrid (0,8 %) e País Vasco (2,3 %).
En canto ás consultas co especialista, o Sergas é o cuarto sistema con menor espera (63 días), por detrás da Rioxa (32), País Vasco (49) e Cantabria (61 días). En canto á porcentaxe de pacientes que están máis de 60 días pendentes dun cita alcanza o 41,3 %, a segunda posición. Con todo, a sanidade galega é a que ten menos usuarios esperando máis de dous meses por unha cita co especialista, un 41,3 %.
O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, valorou positivamente estes datos, "sobre todo nunha contorna de folgas, de falta de profesionais e dun aumento da demanda e, por tanto, un aumento da actividade". "A valoración é positiva. Estes datos asumímolos con humildade. Sabemos que temos que mellorar, que é a nosa función", sinalou, desexando tamén "avances" na folga contra o Estatuto Marco que permita recuperar a actividade normal dentro do sistema sanitario.
Datos nacionais
En España, ata 853.509 pacientes estaban pendentes dunha intervención cirúrxica, 6.926 persoas máis respecto ao ano anterior (0,8 %) e ata 20.781 persoas máis que en xuño de 2025.
No entanto, o tempo medio de espera sitúase en 121 días, 5 días menos que no mesmo período do ano anterior, pero 3 días máis que hai seis meses. Doutra banda, o 21,6 por cento dos pacientes en lista de espera máis de 6 meses, 1,3 puntos por baixo que no ano anterior, e 2 puntos máis que en xuño.