Publicador de contidos

Publicador de contidos

Os temporais fan escasear o peixe nos mercados

Os temporais fan escasear o peixe nos mercados

As peixeiras tómano con resignación e bo humor, e entenden que saír ao mar estes días é moi perigoso

G24.gal 28/01/2026 13:11

"Pouca variedade e a pouca que hai, moi cara". Así o resume unha peixeira da praza de Lugo da Coruña. "Ao haber menos cantidade ten que ir un pouquiño máis caro, porque se o van pescar, temos que pagalo", engadía outra vendedora.

Son xornadas en que non hai que coller número nas peixerías das prazas. Días de certo desánimo e resignación, sen perder o humor.

"Levamos unha semana, agora din que ata mediados da próxima. Entón que?", preguntábase a responsable dun posto. "Pois vacacións!", respondía outra compañeira.

Bromas á parte, todo o mundo entende que os barcos estean, na súa maioría, amarrados nos peiraos.

"Con este tempo no medio do mar ten que ser terrible", dicían. "A ver, eu tampouco me querería ver alí".

Hai quen cre que nos falta memoria. "Son os invernos de sempre de xaneiro, que pensabamos que isto era Galifornia e Galifornia non existe, estamos en Galicia". "O inverno é así pero eu coma este non lembro outro, porque vén un temporal detrás de outro", reflexionaba unha das praceiras.

Por sorte, en Galicia hai alternativas para non pasar fame. "Se non se pode comer peixe, xa sabedes, vén o cocido agora para o Entroido, non hai máis", concluía a peixeira.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade