Publicador de contidos

Publicador de contidos

O uso de medios de pago electrónico aumenta en Galicia, aínda que resiste o efectivo

O uso de medios de pago electrónico aumenta en Galicia, aínda que resiste o efectivo

Seis de cada dez galegos utilizan as tarxetas como fonte principal de pago

O teléfono móbil, aínda minoritario como instrumento monetario, ten máis seguidores entre a mocidade

Galicia é  das comunidades cun maior uso de moedas e billetes

G24.gal 15/03/2026 14:52

Os datos din que os galegos cada vez pagamos máis con tarxeta, de feito, máis da metade o fan cada día. Pero un vinte por cento son fieis por natureza aos cartos en efectivo. É certo que ten que ver coa idade: cantos máis anos, máis uso de billetes e moedas. Con todo Galicia é das comunidades onde máis se recorre ao efectivo e con convencemento.

E para comprobalo visitamos o mercado dominical de Padrón, onde a maior parte dos postos carece de medios de pago electrónicos, cuestión que non semella molestar aos clientes.

"Para min o efectivo é máis cómodo que a tarxeta", confesa un dos usuarios.

Mais dende hai anos, o uso de medios electrónicos como as tarxetas é imparable. Seis de cada dez galegos xa as emprega de xeito habitual e un dos motivos é a comodidade:

"Non teño que estar pendente de ir ao caixeiro nin ter efectivo. Se paro tomar un café pois pago coa tarxeta", comenta unha compradora.

Os medios de pago tamén dependen do lugar onde se faga a compra ou da súa idade. Canto máis novo sexa o usuario, máis probable que use o teléfono móbil como instrumento monetario:

" O teléfono é máis cómodo. Teño todos os datos metidos e simplemente con collelo e darlle a un botón, xa pagas", conta un mozo.

Máis en situacións excepcionais, coma o apagón de hai un ano, os partidarios das moedas teñen as de gañar.

"Os que levaban efectivo ese día tiñan as de gañar. Eu estiven toda a tarde nun bar e cadrou que tiña cinco euros e zafei", lembra outro usuario.

E en todo avance tecnolóxico, o sentido común que non falte:

"Conforme está a situación -sentenza outra compradora-, paréceme a min que nin vai haber cartos nin tarxeta".

 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade