O Adif inviste tres millóns en melloras en tramos da liña entre Ferrol e Viveiro
As obras serán nos puntos quilométricos 42 e 58 co obxectivo de alcanzar "unha protección permante" nestas zonas "susceptibles de risco por chuvia"
Europa Press
O Adif licitou por un importe de 3,13 millóns de euros o contrato de obras de mellora da infraestrutura e reparación de desmontes entre os puntos quilométricos 42 e 58 do tramo Ferrol-Viveiro, na liña de ancho métrico.
O contrato inclúe a reparación dun total de seis trincheiras do tramo Ferrol-Viveiro, que implica a retirada da malla existente, a roza e talla de árbores, o saneamento dos noiros, labores de limpeza, protección e reposición de mallas e outros materiais de reforzo.
En liñas xerais, os traballos teñen por obxecto reparar, asentar e conferir unha protección "permanente" ás zonas que discorren en noiro xunto á plataforma da vía e que poden ser susceptibles de risco por choivas e outros factores climatolóxicos adversos, segundo o Adif.
"Esta actuación redundará na mellora da fiabilidade e calidade das circulacións ferroviarias", resaltan desde o Administrador de Infraestruturas Ferroviarias.
As obras de reparación dos desmontes entre Ferrol e Viveiro súmanse a outros proxectos similares que o Adif está a levar a cabo na liña de ancho métrico Ferrol-Pravia co obxecto de mellorar a fiabilidade da infraestrutura, nos que se investiron case 9 millóns de euros.
Neste sentido, o Adif contratou recentemente, por 3,4 millóns, os traballos de reparación doutras nove trincheiras no mesmo tramo Ferrol-Viveiro.
Outro proxecto actualmente en marcha, por importe de 3,4 millóns de euros, é o contrato para reforzar noiros entre Ortigueira e Burela (55 quilómetros), entre as provincias da Coruña e Lugo.